Ve favorable o soterramento da LAT, pero cree que decisión de Naturgy "é unha solución concibida para atender os seus problemas e non unha repentina preocupación ambiental"
O BNG de Lalín valora favorablemente o soterramento da Liña de Alta Tensión (LAT) de Catasós, pero ve na decisión de Naturgy "unha solución concibida máis ben para atender os seus problemas que a dunha suposta e repentina preocupación ambiental por non danar unha área forestal de alto valor ecolóxico e paisaxístico".
O partido nacionalista destaca tamén que neste cambio, "máis que un logro na xestión da alcaldía, dáse unha situación circunstancial que responde a outra realidade ben diferente, que resulta determinante para que a promotora da LAT propoña agora un cambio radical ao respecto do seu posicionamento inicial da liña aérea fronte unha soterrada, que consideraba técnica e economicamente inviable". Asegura que "a realidade deste cambio atópase nas necesidades eólicas inminentes que apremian a dispor dun sistema de evacuación de liñas preparado e optimizado. Ante o atasco ou atraso do sector eólico, para conseguir as autorizacións e puntos de conexión coa rede eléctrica, que podería derivar en fortes perdas, aparecen solucións que ata fai pouco presentábannos coma imposibles".
En canto ao soterramento da liña sinala que "queda por coñecer con detalle as condicións técnicas do seu trazado e execución a expensas de ver como quedan salvagardados os valores forestais do propio Monumento Natural e soutos e fragas asociadas. E neste sentido, destacamos do importante que resulta que o Plan de Conservación do Monumento Natural, encargado no ano 2017, e pendente de resolución da Consellería de Medio Ambiente dende fai tres anos incorpore as previsións técnicas e protectoras para que dito soterramento se realice respectando a integridade do espazo e o seu entorno".
O BNG demanda, novamente, ao Concello de Lalín que active o procedemento para incorporar as masas forestais asociadas ao Monumento Natural para que se protexan, ben coma ENIL ou ben incorporándose ao Monumento Natural.
Comments