"Dende hai varios meses vimos recibindo numerosas queixas de veciños e veciñas de varias parroquias do rural polo nefasto estado no que se atopan", asegura
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín denuncia que dende hai varios meses veñen recibindo numerosas queixas de veciños e veciñas de varias parroquias do rural, "polo nefasto estado no que se atopan as marquesiñas que o alumnado usa a diario para esperar o transporte escolar. Unha situación que non vén derivada só dos meses de verán senón do seu continuo abandono ao longo de todo o presente mandato", asegura.
O BNG fai un catálogo de deficiencias: “atopámonos marquesiñas en estado tan deplorable que a calquera debería resultarlle bochornoso; algunhas cheas de silveiras, outras rotas, outras nas que entra a auga cando chove, falta total de limpeza, inexistencia de bancos para sentarse, mal asentadas no chan, con ferros oxidados e cristais rotos, o que conleva unha total falta de servicio e incluso nalgúns casos un perigro real para os rapaces” sinala o portavoz municipal nacionalista, Francisco Vilariño.
O BNG asegura que esta "é outra mostra máis do abandono e marxinación no que o actual goberno ten aos vecinos e veciñas do noso rural". Para o BNG de Lalín "é lamentable que este goberno non acometera ningún tipo de traballo de mantemento e limpeza das mesmas para o inicio do curso escolar cando se atopan en tan mal estado, e tamén pola necesidade imperante de telas en bo estado debido ás condicións climáticas tan adversas que temos ao longo de moitos meses no noso Cocello".
É por iso, sinala Vilariño, que desde a organización nacionalista “solicitan á alcaldía que se proceda de inmediato ao mantemento adecuado das marquesiñas que o requiran, tanto no que se refire á reparación ou reposición dos elementos que se atopen en mal estado como á limpeza das mesmas”
Comments