Bota de menos o Serán das Letras "con actuacións e obradoiros arredor da música, o baile ou a arte tradicional galega, sinais de identidade do noso pobo"
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Lalín critica que non haxa ningunha actividade programada dende o Concello para conmemorar o propio Día das Letras Galegas. "Este vindeiro 17 de maio celebraremos en Lalín o día da nosa lingua, un día no que todo o país homenaxea a Luisa Villalta, escritora, filóloga e violinista, con actividades arredor da súa figura ao longo de toda Galiza. Mais, en Lalín, limitarémonos", segundo a propia concelleira do BNG, Ariadna
Fernández declara "a ficar na casa un día no que dende o concello non hai nin unha soa
actividade programada ao respecto, como aparece no propio cartaz, onde se fai un simple
recordatorio do día da nosa lingua, para mágoa da homenaxeada e de todos os galegos e
galegas que desexamos que dende os concellos non lles viren as cóstas ao idioma, como
o está a facer a concellería de cultura de Lalín, a cargo de Begoña Blanco.”
E é que nesa data, dende 2017, sinala, "víñase a celebrar o Serán das Letras con actuacións e obradoiros arredor da música, o baile ou a arte tradicional galega, sinais de
identidade do noso pobo, que reunía a grupos tradicionais do concello e de fóra, nunha xornada que contaba con grande aceptación e asistencia por parte dos veciños e veciñas,
resaltando a forte carga cultural de Lalín e de Galiza, por extensión".
Dende o grupo nacionalista sorpréndense da “desaparición en 2024 deste serán das letras, para desgusto de todos os participantes e asistentes, que contaban coa celebración e non foron informados sequera da súa supresión. Entre os grupos tiñamos a
fortuna de contar coas pandereteiras de Zobra, unha institución neste eido, admiradas por todas e todos os lalinenses que con pracer escoitaban as súas cantigas nesta data tan
sinalada do almanaque. Ditos grupos non atopan explicación a eliminación desta xornada
de festa na que se entregaba a “pandeira de honra”, que se viña celebrando na vila con éxito ao se tratar dun día de lecer no que a veciñanza gozaba da lingua e da música propia, sendo unha sinal de complicidade co noso idioma, co galego”, como aclara a
concelleira do BNG.
Publicidade
O BNG lalinense laméntase "da mala decisión da concelleira de cultura e do seu
grupo de traballo, que terá que dar conta destes feitos no próximo pleno", onde o grupo
nacionalista pedirá explicacións sobre a eliminación do Serán das Letras, das súas
causas e do motivo "de que un día de especial carga cultural en todo o país, en Lalín non
teñamos nin unha soa actividade cultural programada".
Comments