Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

O BNG de Lalín convoca outra concentración para retomar a Atención Médica Presencial no ambulatorio

Actualizado: may 1

Será o vindeiro sábado 8 de maio na Praza da Igrexa da capital dezá


Laura Moure/Lalín

Debido ao éxito da primeira convocatoria no mes de marzo, ás continuas queixas dos veciños e veciñas e a non reposta do Sergas e da Xunta ante as demandas do BNG e do pobo de Lalín, o grupo nacionalista desta localidade vexe na obriga de continuar coas mobilizacións, como xa anunciara no seu día se non había un cambio de política na atención médica no Centro de Saúde de Lalín.

"Esta pandemia da Covid-19 está a poñer ao límite ao noso sistema sanitario. Tamén pon en evidencia a importancia da inversión en sanidade e a repercusión de 11 anos de recortes do goberno de PP na Xunta, e que en Lalín pode observarse como se fora unha zona cero deses recortes", denuncia o BNG. "A Covid-19 puxo de relevo que necesitamos un sistema sanitario público forte, e cunha Atención Primaria reforzada, como porta de entrada, sen recortes, que permita responder ás necesidades de saúde da poboación e na que o persoal sanitario conte cos recursos necesarios para que as persoas doentes poidan recibir a atención que precisan en cada momento e estar ben dimensionado para poder abordar as urxencias sanitarias cando xurdan", engade.

Diante da pandemia, sinala que a Xunta tomou a decisión de "reducir drasticamente a asistencia presencial, restrinxir consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas nos hospitais". E recalca que a decisión que tomou o Sergas "foi que a atención se centrara preferentemente na consulta telefónica, isto está ocasionando moitas dificultadas aos profesionais para poder prestar a asistencia sanitaria, pero especialmente á poboación pola falta de acceso á mesma".


Ademais, o BNG denuncia a situación dos profesionais desta área. "Á situación de sobrecarga de traballo que padecían os profesionais da Atención Primaria previa ao coronavirus fóronlle engadindo tarefas de diagnóstico, seguimento, illamento, identificación por coronavirus e funcións de rastrexo. Lembrar que non son poucos os días ao longo do ano que o noso Centro de Saúde é atendido por moitos menos profesionais dos que están asignados, chegando en varias ocasións e estar menos da metade de plantilla". E incide na "sobrecarga da atención telefónica e da carga burocrática: teléfonos colapsados, o persoal administrativo, os celadores ao límite, soportando unha presión tremenda, é imposíbel xestionar tanta chamada como a que se produce".


Unha das concentracións de marzo.

Ante isto lamenta que as consecuencias son desastrosas. "Escasísimos profesionais, que están ao límite, cun esgotamento físico e mental insoportábel, listas de espera de semanas, incluso para unha consulta telefónica e doentes crónicos descompensados (persoas hipertensas, diabéticas, con cardiopatías, problemas renais, controis de saúde de pediatría con moitas demoras). Esta situación está xerando que cada vez máis persoas estean acudindo á sanidade privada, diante da falta de resposta na sanidade pública, e desprotección da poboación con menos recursos".

O BNG de Lalín, unha vez esgotada a vía institucional, despois de presentar sendas iniciativas no Concello de Lalín e no Parlamento Galego, non tivo máis alternativa que acudir ás protestas públicas o pasado marzo. Por este motivo, chama á mobilización dos e das lalinenses para "facer forza e mostrar o descontento da poboación ante o desmantelamento da Atención Primaria". Unha concentración que se realizará baixo estritas medidas de seguridade, hixiene e distanciamento social, puntualiza. Será o 8 de maio ás 12:00 horas na Praza da Igrexa de Lalín.


45 vistas0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE