O BNG de Lalín acusa ao goberno local "de eliminar comentarios nas redes sociais do Concello dunha vítima de violencia machista"
- ecosdacomarca

- 3 oct 2024
- 4 Min. de lectura
Considera "unha provocación por parte do goberno incluír o Certame Miss Grand Galicia na programación cultural lalinense"// Azos Feministas tamén lamenta estes feitos
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín acusa ao goberno local de eliminar comentarios nas redes sociais do Concello onde unha vítima de violencia machista acusa a un dos organizadores do certame Miss Grand Galicia. Consideran unha provocación por parte do goberno incluír este tipo de concursos de beleza femininos na programación cultural lalinense.
“A celebración do concurso de beleza Miss Grand Galicia esta fin de semana no Salón Teatro de Lalín é unha manifestación máis de violencia simbólica contra a muller. A colaboración municipal cos organizadores dun certame de carácter privado e de formato
anacrónico, prestando o local para que se leve a cabo, non é máis que poñer medios públicos a disposición para que este tipo de concursos se desenvolvan aportando gratuitamente un espazo público, feito que consideramos unha falla de respecto para a veciñanza, atentando contra os valores da igualdade e contra as múltiples campañas en prol da igualdade que se fan e das que o propio Concello participa como institución pública” declaran dende o BNG a respecto do anuncio do certame de beleza dentro da programación cultural lalinense.
Sinala que a través das redes sociais do Concello de Lalín, anunciouse nos pasados días a programación que se levará a cabo ao longo deste mes de outubro, dentro da cal, nun principio, se encadraba a celebración do Certame de Beleza Miss Grand Galicia, como así figura nos cartaces informativos deste mes da Concelleira de Cultura. Os nacionalistas
definen como “insulto á cidadanía incluír un acto deste tipo onde se cosifica de xeito claro á muller dentro dunha programación supostamente cultural, que se afasta moito diso en realidade e que amosa a pouca sensibilidade coas mulleres e con todas e todos os que traballamos a diario en prol do feminismo”.
Publicidade
E apunta a que "aproximadamente 24 horas despois do anuncio das actividades do mes, este certame foi eliminado das redes do concello, aínda que os cartaces físicos continúan a amosar a data de celebración de dito acto". "Máis non foi só iso o que se eliminou por parte do goberno, tamén se borraron os comentarios a colación deste certame e da súa organización que aparecían nas redes sociais do Concello de Lalín. Neles, un recente e outro de fai meses, aparecía unha denuncia pública de relevancia, facilmente contrastable por unha entidade pública, que se facía referencia a unha condena por violencia de xénero cara unha muller por parte dun dos organizadores de Miss Grand Galicia".
“Tratar de silenciar este tipo de declaracións dunha vítima eliminando comentarios en redes ou partes da propia programación cultural é un acto de covardía por parte do goberno, unha provocación sen precedentes neste senso e que non pode quedar oculta para a veciñanza” así define o BNG a “actitude vergoñenta de quen nos debera representar e non o fai, sen a menor sensibilidade e apoio para quen o precisa nestes momentos” conclúen.
Dende o Bloque pedirán explicacións á Concelleira de Cultura no próximo pleno para que aclare o ocorrido arredor desta suposta programación cultural e dos organizadores do certame, asegurando que “isto non quedará silenciado por moito que eles manobren para que non se saiba que son cómplices de algo tan grave a día de hoxe na sociedade na que vivimos e na que os nosos fillos e fillas deben medrar en igualdade”.
Azos Feministas tamén lamenta este feito
Pola súa parte, Azos Feministas tamén lamenta este feito por parte da administración local.

Este é o seu comunicado
"Esiximos explicacións ao goberno local sobre o evento Miss Grand Galicia como parte da "programación cultural" de outubro de Lalín, e sobre a invisibilización do testemuño dunha muller vítima de violencia machista!!! Hai poucos días aparecía no cartaz oficial a "celebración" de novo dun evento "de beleza" na nosa vila, pero misteriosamente onte borrouse dita publicación das redes sociais e os novos carteis compartidos polo concello de Lalín non inclúen dito evento (excepto nos carteis en papel a pé de rúa, onde se ve que non deu tempo a eliminar a información). Significa isto que xa non se vai "celebrar" tal evento? Que sentido ten chamarlle a isto actividade cultural?
Porén, o máis grave non é isto. Na publicación orixinal había un comentario dunha muller que daba o seu testemuño como vítima de violencia machista e sinalaba a un dos promotores de Miss Grand Galicia como o seu agresor. O concello eliminou este comentario, o cal nos parece gravísimo porque significa ocultar un testemuño público de violencia machista. O goberno local do concello de Lalín xa apoiou e difundiu a celebración de Miss Grand Lalín hai uns meses, polo que nos preguntamos: desde cando o concello era coñecedor de que un dos promotores de Miss Grand Lalín e Miss Grand Galicia foi acusado por violencia machista por delitos de alta gravidade?
Como sociedade, queremos apoiar este tipo de eventos? Non pode usarse o pretexto de apoiar o comercio local a través de eventos que contribúen a cosificar os nosos corpos desde nenas. E non podemos permitir que o noso goberno local apoie e impulse actividades - que non son culturais!! - que ademais son promovidas por unha persoa acusada por delitos de violencia machista de alta gravidade. Solidarizámonos coa vítima, unha muller que expuxo publicamente o seu testemuño e recibiu como resposta dun goberno local a invisibilización do mesmo.
Por agora, pedimos 2 cousas:
1. Comparte esta publicación e etiqueta ao Concello de Lalín para pedir explicacións. (Referírse a este comunicado que publicou AZOS nas súas redes sociais)
2. Achégate este sábado 5 ás 19:30 ao KM 0 cun cartel (pode ser nun folio, algo sinxelo) onde mostres a túa repulsa por estes vergoñentos feitos que só contribúen a espallar a violencia machista na nosa contorna".







Comentarios