O BNG de Lalín acusa ao goberno local de "deixar abandonadas as instalacións municipais de hípica"
- ecosdacomarca
- 7 feb
- 2 Min. de lectura
Vilariño solicítalle que poñaen valor as instalacións debido "á gran tradición e afección que existe"
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín denunciou "o estado de abandono no que seatopan as instalacións municipais de hípica situadas no entorno da área recreativa de Mouriscade desde hai practicamente un ano, data esta na que a última directiva que tivo a xestión do clube de hípica Juan Oliveira deixou de exercer".
Publicidade
Para o seu voceiro municipal, Paco Vilariño, “resulta lamentable e carente de calquera xustificación cun mínimo de coherencia política” que o goberno municipal, unha vez
transcorrido tanto tempo, sega sen darlle ningunha saída de posta en valor destas instalacións. Desde o BNG apuntan que son unhas instalacións con capacidade de mellorar, fundamentalmente cubrindo a pista exterior, mais aínda así valoran que as mesmas están en boas condicións e dotadas do necesario para poder exercer, como se veu facendo ao longo de moitos anos, a práctica do deporte a cabalo nas súas distintas modalidades, xa que conta con diversos boxes, duchas para cabalos, pista exterior, pista cuberta, oficina e vestiarios.

Apunta Vilariño que "esta deixadez plásmase no estado de abandono no que se atopan e con evidentes mostras de actos vandálicos e de entrar nas mesmas xa que se poden observar claramente como hai portas forzadas, o peche do fondo da nave dos boxes caído, canos rotos, as pistas nun estado lamentable, etc". Sinalan os nacionalistas, "que pola súa total falta de xestión e inmobilismo, o PP deixou condenados a todas as persoas, fundamentalmente aos nenos e nenas, que practicaban este deporte a ter que abandonalo, ou no mellor dos casos, a verse na obriga de desprazarse a outros concellos para poder continuar coa súa práctica, co conseguinte gasto a maiores e perxuízo de tempo que require que moitas familias non poden permitirse".
Lembra Vilariño, que este deporte exerceuse desde o 2007, chegando a contar con moitos
veciños e veciñas que o practicaben, tanto a nivel federado como tamén de lecer, e no que se impartían clases de iniciación e perfeccionamento á equitación, organización de rutas, doma, salto, desbrave, servizo de pipilaxe, etc, chegando a acadar destacadísimos premios a nivel galego, tanto en modalidade individual como de clube.
Desde o BNG esíxenlle ao goberno municipal que se poña a traballar para poñer ao servizo da veciñanza e dos amantes deste deporte ditas instalacións, "e que de xeito inmediato poidan ser empregadas para o uso que se fixeron con cartos públicos, dando resposta así a unha demanda existente no noso concello debido á tradición e afección que existe por este deporte en Lalín".
Comments