O BNG de Lalín acusa ao goberno de "incumprir a normativa ao non ter instalados os colectores marróns"
- ecosdacomarca
- 12 sept 2024
- 2 Min. de lectura
Os nacionalistas amósanse preocupados polo "taxazo de Sogama"
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG sinala que o anuncio da Xunta de Galiza do incremento da taxa de Sogama "non foi máis que un novo aviso de que no noso país se están a aplicar políticas obsoletas e antiecolóxicas no tocante á xestión dos residuos. Esta suba suporía un aumento acumulado dos custos de máis do 60%, pasando dos 68 euros/tonelada na primeira metade do 2024 aos 108 euros que se pagarán cando comece o 2025".

Ademais, o Bloque apunta que “tras tratar de suprimir a bonificación do 10% no pasado ano e debido ao rexeitamento contundente por parte dos concellos, anunciouse dende o parlamento galego a bonificación dun 15% en vésperas das eleccións municipais, máis agora enfrontámonos de novo a nivel municipal cun sobrecuste pola xestión dos nosos residuos que recaerá nos veciños e veciñas de Lalín” declara a concelleira nacionalista Ariadna Fernández a colación deste tema.
Publicidade
Dende o BNG definen a medida coma “abusiva e consecuencia do fracaso de Sogama e
do seu tratamento dos residuos, baseado na incineración e o depósito en vertedoiros, fracaso polo cal teremos que pagar os e as lalinenses, vendo aumentada a nosa factura
do lixo pola incapacidade do goberno de oporse directamente a unha medida que vén
dada pola propia Xunta de Galiza, que só trata de botar balóns fóra".
Máis, subliña, que "non é esta a única eiva que se acumula en canto aos residuos na capital dezá, que incumpre xa durante nove meses a normativa, que fixaba os prazos para o seu cumprimento en xaneiro deste presente ano, mes a partir do cal se terían que poñer en funcionamento e a dispoñibilidade dos veciños os colectores marróns. É evidente que o modelo Sogama non funciona, coas segundas peores cifras de todo o estado en canto a reciclaxe en Galiza, pero se a maiores lle sumamos a inacción do goberno lalinense sobre este asunto, teremos a combinación perfecta na que os veciños teñen que pagar máis por un servizo á vez que non están cumprindo a normativa vixente, de xeito que non teñen á súa disposición na actualidade o colector marrón, do que por certo concellos veciños xa gozan hai tempo".
Publicidade
Así mesmo, puntualiza que isto "suporá un sobrecusto para Sogama, que non pode escapar da súa instalación, xa que a precisa para maquillar os seus números en canto a tratamento de residuos orgánicos fronte a UE e as súas normativas". Para os nacionalistas a pregunta é, en canto repercutirá para os petos dos lalinenses o taxazo de Sogama de quen é a responsabilidade de que non se teña instalado o colector marrón. Din que "só existe un evidente responsable, o PP, polo que adiantan que no vindeiro pleno trasladarán este tema pola importancia que ten para o conxunto da veciñanza e o medio ambiente".
Comments