O BNG de Dozón propón o desenvolvemento dun proxecto IA-Rural para este municipio
- ecosdacomarca
- 21 feb
- 3 Min. de lectura
Explica que o obxectivo principal é eliminar ou reducir as barreiras técnicas, lexislativas, económicas e formativas existentes na actualidade, contribuíndo a fixar poboación
Ecos da Comarca/Dozón
O concelleiro nacionalista de Dozón Miguel Ángel Docasar Areán, levará ao vindeiro pleno unha moción a través da cal aborda o desenvolvemento dun proxecto IA-Rural para Dozón para o seu debate en pleno.

Explica que o obxectivo principal do proxecto IA-Rural para Dozón no ámbito das conexións no sector agroalimentario e forestal e do medio rural, é eliminar ou reducir as barreiras técnicas, lexislativas, económicas e formativas existentes na actualidade, contribuíndo a fixar poboación no mesmo facendo del un entorno rural máis atractivo, vivo, dinámico e xerador de actividade e riqueza. "Así pois, o acceso a internet de alta velocidade converteuse nun factor chave para o desenvolvemento económico, social e persoal no rural galego. No Concello de Dozón puidemos ver algúns avances na dixitalización, ao xerar a maioría dos trámites consistoriais, vía telemática, servidos principalmente pola influencia do resto das Administracións Públicas. Tamén a presencia na internet con dominio.gal é unha mellora importante aínda que a páxina que se emprega nos se está a usar na súa potencialidade".
Ademais, indica que "os contidos, principalmente no ámbito institucional e a transparencia informativa das accións de goberno xa non se actualizan. A fibra óptica tamén é unha realidade en algúns dos núcleos de poboación dotando a estes dun servizo equiparado ao resto de localidade máis só chega ao 25% da veciñanza. Mais do 75% do territorio restante carece desta tecnoloxía. A elevada dispersión xeográfica do noso municipio fai que sexan moitas as vivendas que non teñen cobertura nos seus fogares e moito menos, conexión a internet cuns mínimos que lles permitan acceder en condicións á vida dixital, imprescindible no día a día".
Publicidade
Hoxe en día, apunta, "é necesario contar cunha boa cobertura para poder desenvolver a vida no rural,sexa para teletraballar, para estudar, para o lecer ou mesmamente para a actividade económica predominante no concello, a gandeira. Xa non só para xestionar a inmensa maioría dos seus trámites vía internet se non para dispor dun soporte de comunicación fiábel, estábel e capaz de permitir controlar de xeito remoto e a tempo real os automatismos de traballo instalados nas instalacións agropecuarias".
Polo tanto, insiste o BNG que "faise imprescindíbel un maior investimento e control adaptado ás necesidades da cidadanía para que este sexa aplicado de xeito eficaz, involucrando ás operadoras a que non demoren a execución dos proxectos comprometidos e axilicen o despregue das obras licitadas. Débese tamén activar unha vía directa de comunicación dende o ente municipal para permitir canalizar e demandar en conxunto as necesidades desta tecnoloxía en aquelas zonas que aínda non están no plan e permitir avaliar o seguimento deste".
Por todo o exposto anteriormente o Concelleiro Municipal do BNG propón ao Pleno da
Corporación Municipal a adopción dos seguintes ACORDOS:
1. Elaborar unha listaxe das zonas sen ou con cobertura dixital deficiente.
2. Instar as operadoras de telecomunicacións que axilicen a chegada da canalización de fibra óptica ás zonas rurais que se definan na listaxe anterior.
3. Establecer un canle de comunicación institucional concreta para dar conta e avances
do proxecto IA-Rural para Dozón, permitindo tamén achegas e solicitudes veciñais a
este.
Comentarios