O BNG de Dozón presenta unha moción urxente sobre os lumes forestais e a limpeza de vías públicas
- ecosdacomarca

- 23 ago 2025
- 4 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Dozón
O BNG de Dozón levará ao vindeiro pleno municipal unha moción a través da cal abordará a problemática dos incendios forestais, como acontecido hai unha semana no Castro, Dozón, onde foi necesario decretar a situación 2 de emerxencia por chegar ao núcleo de poboación.

"O lume volve devorar o monte galego. Desde fai xa demasiado tempo, a chegada do verán trae da man unha realidade que só mostra a súa brutalidade cando se vive de preto. Os fortes ventos e as elevadas temperaturas, xunto co abandono dos montes, e unha precaria política preventiva favorecen a propagación dos incendios e dificultan os labores de extinción. Esforzos inconmensurables que tratan de combater un inimigo que ten detrás, nunha alta porcentaxe, a man do home. Polo menos o 81% dos sinistros están causados por actividades humanas, xa sexa por neglixencias e accidentes ou de forma intencionada, segundo datos oficiais de 2017. O IPCC (Panel Intergubernamental sobre o Cambio climático), advirte que os ecosistemas do sur de Europa están entre os máis vulnerables do mundo", apunta o BNG de Dozón.
O cambio climático, apunta, "está a acelerar a virulencia dos incendios cada vez máis perigosos e con risco extremo tanto para os ecosistemas como para a poboación. Tamén, o abandono dos usos tradicionais de aproveitamento dos bosques, a perda do pastoreo
tradicional, que actúan como auténticas rozadoiras naturais da materia combustible do monte ou o despoboamento provocou a perda da paisaxe en mosaico (ese que asociamos con beleza da paisaxe e que son especialmente ricos en biodiversidade) e o aumento da superficie cuberta con maleza e bosques novos provoca un aumento da inflamabilidade ao haber máis combustible dispoñible. Doutra banda, as nefastas políticas de repoboación con especies de crecemento rápido e cultivos dunha soa especie, substituíndo así os nosos bosques autóctonos que actúan como barreira na propagación do lume, dá lugar a unha inadecuada xestión e planificación das masas forestais para
a súa adaptación ao cambio climático, e para a prevención de riscos. Todo este cúmulo de
despropósitos sementou o bosque galego de bombas de reloxería para que os incendios arrasen a nosa xeografía".
A todo isto, recalca o Bloque, "hai que sumar a non existencia de verdadeiros operativos de prevención. En Galiza, falla a prevención. É necesario que se dedique moito máis orzamento aos labores de prevención, menos mediatizas, pero que fixan poboación e emprego no sector forestal cando o emprego é estable os 365 días do ano. Temos que seguir a reclamar a creación dun servizo público galego, de xestión directa e
dependente da Xunta de Galiza, adecuadamente dotado para abordar a prevención, extinción de incendios e multiemerxencias, que poida alternar os labores de extinción no verán e a prevención durante todo o ano. Da mesma maneira, urxe abrir un proceso de actualización da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza, así como unha rectificación profunda do actual Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (Pladiga), coa participación activa de todo o tecido de entidades relacionadas co monte, o agro e a xestión forestal, para garantir medidas efectivas na protección contra os lumes".
Publicidade
Por todo, isto, destaca que "é necesario un pulo decidido a políticas estruturais que preserven a biodiversidade natural, restauren os ecosistemas danados e recuperen os usos tradicionais e multifuncionais dos montes, como o pastoreo, e que contribúen a fixar poboación no rural e a afastar os lumes". "Precísanse novas estratexias dirixidas a un rural que non é o de fai 30 ou 40 anos, e onde se teña como premisa fundamental a súa revitalización, e a reactivación económica e produtiva no territorio. O noso termo municipal non é alleo a toda esta problemática polo que desde o Concello podemos exercer un papel decisivo na prevención en materia de limpeza. A comezar pola aprobación do
plan municipal de prevención de incendios forestais que determine as faixas de protección dos núcleos rurais e a limpeza das pistas e camiños de titularidade municipal. Tamén debemos reclamar aos organismos titulares das estradas que atravesan o noso termo municipal para que manteñan limpas as beiras das mesmas e así evitar que os lumes pasen dunha marxe á outra con moita facilidade, caso da autovía Santiago -Ourense ou a N 525".
Así mesmo, considera "que o papel do Concello debería ir encamiñado a facer todo o posible por conservar aqueles espazos naturais que rodean ás nosas parroquias e que na actualidade, afortunadamente aínda conservan especies autóctonas mantendo baixo control á vexetación invasiva. Ademais, consideramos importante a recuperación dos nosos camiños que fan de freo ao avance a vexetación incontrolada e á vez xeran oportunidades de lecer e deporte".
Polo anteriormente exposto, o concelleiro municipal do BNG do concello de Dozón presenta para a súa aprobación polo pleno da corporación esta moción, propoñendo a adopcións dos seguintes ACORDOS:
1.- Instar á Xunta de Galiza implantar un servizo de prevención e extinción de incendios totalmente público e operativo 365 días ao ano centrado na selvicultura preventiva e limpeza de devasas.
2.- Aplicar, ou elaborar, un plan de prevención de incendios no Concello de Dozón, segundo fixa a Lei de Montes do ano 2003 e cumprir a normativa vixente referido ás faixas de protección.
Publicidade
3.- Reclamar á Xunta e ao Estado, como titulares das estradas AG53 e N525, o mantemento das marxes de ambas estradas libres de especies pirófitas.
4.- Traballar dende o Concello nun plan ambiental encamiñado á conservación, e incorporar ao inventario municipal de bens, todos os camiños tradicionais que sexan de titularidade pública recuperando estes espazos como ferramentas para desenvolver unha política ambiental axeitada.
5.- Modificar o traballo de limpezas de vías e núcleos de poboación, para que se faga nos primeiros cinco, seis meses do ano, e non esperar a que sexan as festas parroquiais, que chegan tarde para a época de máis perigo por incendio.








Comentarios