O BNG de Dozón pide o tratamento e depuración das augas residuais en todos os núcleos de poboación
- ecosdacomarca
- 13 jun
- 3 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Dozón
O Concello de Dozón presentará unha moción no vindeiro pleno municipal a través da cal fala da necesidade do tratamento e depuración das augas residuais en todos os núcleos de poboación.
"En Dozón, tal como se detalla nos documentos de diagnose expostos na 1ª Fase do Novo
plan de Saneamento de Galiza, o grao de cumprimento e implicación destas competencias é ridículo. O goberno do PP, no noso municipio, non ten nin proxecto nin vontade política manifesta para facer realidade unha necesidade prioritaria a toda a veciñanza. Dotar en cada un dos núcleos de poboación dun sistema de saneamento e o tratamento das augas é fundamental para a calidade de vida no rural. Xa non só é un problema ambiental se non de saúde pública. Permitir unha seguridade e protección ante infeccións e problemas de exposición a patóxenos ou virus que poidan traducirse en enfermidades á poboación é unha acción urxente", recalca o Bloque.

Debe levarse a cabo, apunta, unha ordenanza que indique o destino do vertido das augas residuais e a súa posible afección sobre a calidade das augas do medio receptor. "Integrando a depuración en cada unhas das infraestruturas de rede de sumidoiros determinando a incidencia no réxime de correntes, preservando as zonas de servidume, policía e xustificando as delimitacións, considerando a posibilidade de ampararse en cálculos hidráulicos respecto do risco de asolagamento".
O obxectivo, explica, "é lograr a calidade e saúde ambiental cuns sistemas de saneamento eficaces e integrais no tratamento dos vertidos das augas residuais en cada un dos lugares de Dozón. Lembrando a prohibición de toda vertedura directa ou indirecta fóra da rede de saneamento construída. A calidade da auga debe estar garantida no seu ciclo hídrico, en todas as súas fases e procesos. Compre identificar e caracterizar as masas de auga superficiais e subterráneas, así como as zonas protexidas definidas polo organismo de bacía correspondente. Tamén estudar a capacidade e calidade dos recursos hídricos para abastecemento e saneamento. Coñecer as afeccións existentes sobre as fases do ciclo hídrico derivadas do desenvolvemento das infraestruturas (modificación da rede superficial, alteración da calidade das augas superficiais e/ou subterráneas, etc.) e favorecer a permeabilidade das zonas lameiras de xeito que se axilice a dinámica propia do ciclo hídrico".
Ademais, sinala a importancia de deseñar un sistema de depuración con suficiente dimensión para as augas residuais acorde ás características das mesmas e á súa orixe (residencial, agropecuario, industrial, etc.) é prioritario en cada un dos núcleos de poboación de Dozón. Asismo, resalta que "urxe identificar e establecer as zonas que deben contar cun sistemas de saneamento individual se a rede municipal proxectada non é viábel. Elaborar, executar e xestionar proxectos de obras, tanto das redes de saneamento como das estacións depuradoras de augas residuais (EDARs) non se pode demorar máis",
Publicidade
De xeito inmediato, apunta que de debe implantarse un servizo municipal temporal de baleirado de pozos e fosas sépticas naquelas vivendas que non estean cubertas polas redes de sumidoiros, tendendo a un obxectivo do saneamento integral por medio de sistemas eficaces. "Sobre o consumo da auga debe garantirse a viabilidade dos sistemas de abastecemento e saneamento en función das demandas estimadas. Estudar tamén a cobertura da rede municipal de abastecemento e saneamento a construír (localización dos sistemas de captación e vertido para o abastecemento e o saneamento) e levar a cabo un control exhaustivo e con periodicidade das fontes existente en todo o concello e daquelas traídas de augas realizando análises completos sobre a súa potabilidade e calidade sanitaria co fin de garantir a saúde e consumo a todas as persoas que precisen dispoñer dela".
Así a través desta moción, propón a adopcións dos seguintes acordos
Unha Ordenanza de Tratamento e Saneamento de Augas para o Concello de Dozón.
Planificar, con carácter urxente, un proxecto de obras integrais do saneamento en cada un dos lugares de Dozón cos seus correspondentes sistemas de tratamento e depuración adecuados.
Xerar unha vía de consultas e achegas de colaboración directa coa cidadanía.
Fixar un Plan de actuacións plurianual con investimentos previstos, establecendo un calendario de prioridades e prazos de execución.
Implantar un servizo temporal de baleirado de pozos e fosas sépticas a petición do titular.
Dispoñer e manter coa suficiente periodicidade controis e análises das fontes e traídas de auga publicando e indicando os resultados na zona destes servizos hídricos.
Comments