"Foi condenado por un delito contra o dereito dos traballadores e por homicidio imprudente en calidade de Conselleiro delegado da empresa familiar lalinense, Frigodeza"
Ecos da Comarca/Dozón
O BNG de Dozón pide ao PP que lle esixa ao alcalde de Dozón á dimisión logo dunha sentenza do Xulgado do Penal nº 1 de Pontevedra que "o condena por un delito contra o dereito dos traballadores e por homicidio imprudente en calidade de Conselleiro delegado da empresa familiar lalinense, Frigodeza".
"A conduta exemplar que o PP esixe para o resto dos grupos políticos en todos os ámbitos só é crible se se aplican a mesma vara de medir a si mesmos", indica o BNG. Neste caso, asegura o portavoz municipal do BNG de Dozón, Miguel Docasar, "non estamos ante unha imputación ou investigación, senón ante unha condena que, aínda recorrible, imponlle inhabilitación para exercer o dereito ao sufraxio pasivo. Aínda é máis grave a imposición da inhabilitación para traballar en empresas de sacrificio de animais".
Publicidade
"Dende o BNG entendemos que alguén a quen inhabilitan para traballar con animais, está máis que inhabilitado para exercer o cargo público de alcalde e traballar e xestionar os recursos da veciñanza. A imaxe do concello de Dozón, a través do alcalde Campos do Partido Popular segue na liña turbia e caciquil do seu predecesor".
Publicidade
O alcalde, Adolfo Campos, foi condenada pola morte dun operario nesa empresa na que era conselleiro delegado en 2020. Os feitos ocorreron o 5 de agosto dese ano cando un traballador dunha empresa externa faleceu nas instalacións de Frigodeza cando estaba reparando a trampilla hidráulica da entrada dos porcos á xaula de anestesiado.
Publicidade
Comments