O BNG de Deza-Tabeirós-Terra de Montes presenta a súa campaña do Día da Patria Galega
- ecosdacomarca

- 18 jul
- 3 min de lectura
A programación inclúe actos políticos e de popularización da bandeira galega e culminará coa manifestación nacional do 25 de xullo en Compostela
Ecos da Comarca/Deza
O BNG de Deza-Tabeirós-Terra de Montes presentou onte a campaña comarcal con motivo do Día da Patria Galega, que este ano se desenvolve baixo o lema "Somos unha nación. Soberanía e dereitos nun mundo en paz", cun chamamento á participación da veciñanza nos diferentes actos previstos ao longo dos vindeiros días e, de maneira especial, na manifestación nacional que terá lugar o 25 de xullo en Santiago de Compostela. Na presentación participaron o responsable comarcal do BNG, Xoán Blanco, e a deputada no Parlamento de Galicia Ariadna Fernández.

Durante a súa intervención, Ariadna Fernández sinalou que este Día da Patria chega "nun momento no que Galiza precisa máis ca nunca capacidade de decisión para defender os seus intereses fronte ás políticas que afondan na dependencia e no espolio dos nosos recursos". Neste sentido, lembrou que comarcas como Deza-Tabeirós-Terra de Montes coñecen ben as consecuencias de poñer o territorio ao servizo de intereses alleos, facendo referencia á oposición social a proxectos como a macrocelulosa de Altri, ao vertedoiro de Campomarzo ou aos numerosos parques eólicos coas correspondentes liñas de evacuación, con afectación directa sobre a comarca.
PUBLICIDADE
A deputada destacou que o BNG continuará defendendo "un modelo orientado ás maiorías sociais que protexa o territorio, fortaleza os servizos públicos, impulse a capacidade produtiva do país, garanta unha vivenda digna, constrúa un sistema público de coidados, defenda a diversidade e asegurar a plena normalización do galego. Así mesmo, situou esta campaña nun contexto internacional marcado pola escalada bélica e polo xenocidio que sofre o pobo palestino, reafirmando o compromiso histórico do Bloque co internacionalismo, a paz, o antiimperialismo e o dereito de autodeterminación dos pobos.
A programación nesta comarca comezará hoxe, 18 de xullo cun acto político e festivo a partires das 14:30 horas, na Área Recreativa da Carixa, en Merza (Vila de Cruces), no que intervirán o responsable comarcal, Xoán Blanco, o voceiro municipal, Alex Fiuza e a deputada no parlamento galego, Ariadna Fernández. A continuación celebrarase un xantar de convivio aberto á militancia e simpatizantes.
O xoves, 23 de xullo, ás 20:00 horas, na Estrada celebrarase un acto aberto, diante da estatua de Castelao, Virxinia e fillo (Praza da Farola), coa participación do voceiro municipal, Xoán Reices, da deputada Ariadna Fernández e do candidato á alcaldía, Marcos Borrageros,
PUBLICIDADE
A campaña completarase con diferentes accións de popularización da bandeira galega nos concellos da comarca, así como coa participación nas actividades organizadas por Galiza Nova durante a Semana da Patria. O punto culminante será a manifestación nacional convocada para o 25 de xullo, que partirá ás 12:00 horas da Alameda de Santiago e rematará na Praza da Quintana, onde intervirá a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
Pola súa banda, o responsable comarcal, Xoán Blanco, fixo un chamamento á participación da cidadanía en todos os actos programados e, especialmente, na mobilización nacional do Día da Patria. "Queremos facer deste 25 de xullo unha demostración colectiva dun pobo que quere decidir por si mesmo, construír unha Galiza con máis futuro, máis dereitos e máis dignidade e seguir avanzando como nación", concluíu.








Comentarios