O BNG de Deza manifesta a súa indignación e repulsa ante o asasinato da traballadora do SAF no Porriño
- ecosdacomarca

- 1 ago 2025
- 2 Min. de lectura
Considera que o asasinato desta traballadora do SAF "non pode quedarse nun titular senón que ten que ser un punto de inflexión para tomar medidas urxentes"
Ecos da Comarca/Deza
O BNG da comarca Tabeirós-Terra de Montes-Deza quere manifestar a súa indignación e repulsa ante o asasinato da traballadora do SAF acontecido o pasado martes no Porriño e demanda un protocolo de seguridade para as traballadoras. "Dende a organización comarcal enviar todo o cariño e apoio aos familiares da vítima e a todas as traballadoras do SAF do país, especialmente ás da nosa comarca".
O BNG considera que o asasinato desta traballadora do SAF "non pode quedarse nun titular senón que ten que ser un punto de inflexión para tomar medidas urxentes que garantan a seguridade e a protección das miles de mulleres que prestan un servizo sociosanitario público en condicións de moita precariedade e, neste sentido, a formación nacionalista pide unha implicación inmediata do goberno da Xunta para negociar cos concellos un protocolo de prevención e protección".

“É evidente que urxen medidas que garantan mellores condicións laborais e iso inclúe maior seguridade destas traballadoras nos fogares, porque son os seus centros de traballo”, explica o responsable comarcal do BNG, Xoán Blanco, “demandamos ao goberno da Xunta que se implique para que algo así non volva suceder”. En concreto, o BNG propón que a negociación dun protocolo de seguridade para as traballadoras do SAF se faga de inmediato aproveitando a comisión mixta Xunta-Concellos.
“Esa comisión ademais de negociar o incremento da financiación deste servizo, pode aproveitarse para acordar e introducir medidas concretas de salvagarda e de protección, protocolos de prevención e de actuación en situacións de acoso, agresión ou doutra índole, e que esas medidas que se acorden sexan aplicadas de maneira homoxénea en todos os concellos”, explicou Blanco.
Publicidade
Xoán Blanco, responsable comarcal, destacou que “son milleiros de mulleres que desenvolven o seu traballo cada día en condicións tremendamente precarias, con salarios baixísimos, desprazándose ós domicilios nos seus propios vehículos, sufrindo moitas veces insinuacións, agresións e exixencias nas casas que nada teñen a ver co que determinan os plans de coidado. Hai que tomar medidas de inmediato para cambiar esta situación que soportan miles de traballadoras dun servizo público esencial”, conclúe Blanco.
Publicidade
Nun momento no que están sobre a mesa as agresións que sofren os traballadores da sanidade pública e como evitalas poñendo en marcha medidas, “non podemos deixar ás traballadoras do SAF, que tamén son traballadoras de servizos públicos sociosanitarios esenciais, desprotexidas”, alega o responsable comarcal.








Comentarios