top of page
Foto del escritorLaura Moure

O BNG de Deza levará a cabo en maio unha campaña informativa sobre os parques eólicos

"É necesario un modelo sustentable, xusto e participativo que evite o espolio e a depredación que sofre o país e a nosa comarca", apunta o partido nacionalista

Membros do BNG da comarca de Deza.


Laura Moure/Deza

O BNG da comarca dezá levará a cabo, ao longo do mes de maio, unha campaña informativa sobre os parques eólicos. "Por un modelo sustentable, xusto e participativo que evite o espolio e a depredación que sofre o país e a nosa comarca", indica. A campaña terá dúas vertentes, unha social e informativa coa distribución dun díptico, cartelería e actos públicos para dar a coñecer a alternativa do BNG e outra institucional, con mocións nos concellos.


"Fronte ao modelo do PP e da Xunta, ao que agora se lle suma entusiastamente o goberno estatal con megaparques eólicos en terreos agrarios, que pon os recursos naturais do país ao servizo dun puñado de empresas para lucrarse a cambio de migallas", tal e como incide o BNG, este partido propón un modelo consensuado e aposta por un novo plan eólico que ordene o sector e que serva para xerar emprego e riqueza no país.


"Se ben é evidente que hai que apostar por enerxías limpas, isto non pode ser coartada para depredar o territorio ou poñer en risco outras actividades económicas vitais da nosa economía. A febre eólica que estamos a vivir está tendo unha gran contestación social, pois a diferenza do que pasaba hai décadas que se localizaban no cumio dos montes, hoxe os novos proxectos afectan a núcleos habitados ou a zonas de actividade agragandeira, como é o caso dos que se están tramitando nas comarcas de Deza e Taberós-Terra de Montes", recalca.


O BNG considera que é posible compatibilizar os eólicos con outras actividades e cun modelo respectuoso e participativo que teña en conta que a enerxía eólica debe ser un elemento para desenvolver o país. "Debe permitir que nos beneficiemos da nosa propia riqueza en lugar de servir de lucro para as multinacionais eléctricas", sinala.


Así, o partido nacionalista aposta por un cambio de modelo eólico que declare "a enerxía como ben público, por crear unha empresa pública de enerxía que garanta un retorno dos beneficios para a sociedade galega, por establecer como obrigatorio para desenvolver proxectos eólicos a construción e subministro de compoñentes con empresas radicadas en Galiza e pola implantación dunha tarifa eléctrica galega que abarate a factura da luz ás familias e empresas asentadas no noso territorio", demanda. "Mentres non cambie o actual modelo eólico defendemos que se lle aplique o canón eólico ás empresas en función da potencia instalada e non en función do número de aeroxeneradores, aumentar a porcentaxe de participación dos Concellos no Fondo de compensación ambiental e máxima transparecia na negociación dos contratos para que os propietarios poidan demandar condicións favorables", conclúe.


Mesa redonda de Adega

Por outra banda, A Asociación Ecolóxica Adega continuará, mañá mércores 12, co seu ciclo de mesas redondas cun encontro que leva por título Proxectos Eólicos: os seus impactos sobre a biodiversidade.


Na mesa redonda participarán: Óscar Rivas | Sociedade Galega de Ornitoloxía. Roberto X. Hermida | Morcegos de Galicia. Óscar Chao | Proxecto Rebinxe. Emilio de la Calzada | Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica.


A cita será ás 19:30 horas a través da web de Adega ou desde a súa canle de YouTube: https://www.youtube.com/watch?v=IFMc9SgNImI


Acto en Vila de Cruces este venres

Por outra banda, este venres 14 de maio, ás 20:30 horas, terá lugar un acto público do BNG, sobre o impacto dos eólicos. Na alhóndiga, baixo a Praza do Concello, falará o voceiro do partido nacionalista de Vila de Cruces, Álex Fiuza, e a nosa deputada no Parlamento, Montse Prado.




0 comentarios

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page