O BNG de Deza e Tabeirós presentará mocións en todos os concellos das comarcas para rexeitar o proxecto de celulosa en Palas de Rei
- ecosdacomarca
- 2 abr 2024
- 3 Min. de lectura
"Por dúas razóns básicas: en solidariedade coa veciñanza da zona directamente afectada Melide, Palas de Rei, Agolada e Santiso e porque os nosos concellos veríanse afectados na calidade do aire pola distribución de contaminantes debido á propagación dos ventos"
Ecos da Comarca/Deza
O BNG de Deza e Tabeirós Terra de Montes presentará mocións en todos os concellos destas comarcas para rexeitar o proxecto de celulosa en Palas de Rei por dúas razóns básicas: "en solidariedade coa veciñanza da zona directamente afectada Melide, Palas de Rei, Agolada e Santiso e porque os nosos concellos veríanse afectados na calidade do aire pola distribución de contaminantes debido á propagación dos ventos".
"Resulta ofensivo que a Xunta defenda o proxecto coa escusa de industrializar o país, logo de anos nos que milleiros de empresas galegas marcharan ao norte de Portugal creando os postos de traballo e a riqueza do outro lado da raia ante a ausencia de política industrial da propia Xunta", recrimina o BNG.

"Como compensación a este éxodo", apunta, "a Xunta pretende traer unha empresa portuguesa a Galiza, Altri, que conta cun longo historial contaminante no país veciño e pretende instalarse no alto Ulla, vertendo os seus residuos a un río que abastece de auga a máis de 100.000 persoas, afectaría á denominación de orixe protexida Queixos Arzúa- Ulloa, baseada na calidade dos seus pastos e remataría na ría de Arousa para asestar outro golpe máis á xa complicada situación ao marisqueo. Ampáranse, empresa e Xunta, nunha lexislación ambiental garantista que conta con mecanismos controladores e sancionadores".
Para o BNG o problema está en quen controla e quen sanciona. "Temos exemplos de abondo como controlan os vertidos nos ríos Deza, Toxa ou o Arnego e como de exemplares foron as sancións por contaminar. Os concellos da nosa comarca están afectados por dúas circunstancias: unha por ser limítrofes co río Ulla que verá incrementada a súa carga de contaminación e todos pola contaminación atmosférica derivada da circulación do aire por mor dos ventos".
Así, sinala que Agolada está directamente afectado dado que varias parroquias están a escasa distancia do complexo: "Basadre, Eidián ou Ramil. Tamén O Sexo, parroquia na Altri sitúa o vertido das augas residuais, Agra, afectada polo paso da tubaxes de captación, con máis de 200 fincas afectadas e outras, como Brocos, que limitan co encoro de Portodemouros, veñen sufrindo restricións de baño e actividades acuáticas por mor da alga tóxica microcistina. Son parroquias que sofren perda de poboación, mais temos que denunciar que mentres para Altri aparecen millóns de euros públicos, para realizar a concentración parcelaria onde poidan desenvolver proxecto rurais con futuro e asentar poboación non hai nada, só promesas incumpridas".
Publicidade
Outro concello limítrofe co Ulla é Vila de Cruces con dez parroquias que lindan co Ulla e afectada polo proxecto de Augas de Galiza de captación de augas en Ollares para abastecer cinco parroquias. Silleda, sinala, estaría afectada a parroquia de Cira coa súa praia fluvial. Finalmente no concello da Estrada limitan co Ulla un total de varias parroquias. "Estes tres concellos xa están afectados polas plantacións de viñedos da denominación de orixe Rías Baixas".
"As emisións de gases contaminantes tamén terá unha incidencia prexudicial na saúde, no uso residencial e na calidade e aproveitamento dos solos nunha ampla zona circundante. No estudo presentado faise referencia a que os gases afectarán a unha franxa de 10 km, pero o certo é que en días de vento do norte ese radio aumenta cara ao sur afectando aos concello da comarca de Deza, acentuando problemas respiratorios, e, en caso de que se produzan choivas, a contaminación do solo e das augas. Estamos diante dun exemplo de “industria de enclave” que non deixa riqueza na zona e ante un novo espolio dos recursos naturais do noso país. Só buscan dispoñibilidade de solo barato, dispoñibilidade de eucalipto a grande escala e a prezos baixos, primeira transformación con escaso valor engadido, e destino principal á exportación sen peche de ciclos".
Comments