Máis de 130 militantes participaron nesta iniciativa no lugar de Porcallos, en Lalín
O mosaico humano feito en Lalín polos militantes do BNG.
Laura Moure/Deza
O BNG das comarcas de Tabeirós Terra de Montes e Deza organizou este sábado pasado un acto para explicitar graficamente o rexeitamento aos parques eólicos que se proxectan na comarca. Este acto, no que participaron máis de 130 militantes do BNG da comarca, consistiu na elaboración dun mosaico humano formando a frase Espolio Galiza Nunca Máis.
A escollida polo BNG para a realización deste acto foi o lugar de Porcallos (Lalín), unha zona especialmente afectada por proxectos de parques eólicos, que de ir adiante terán graves repercusións sobre o sector agrogandeiro da localidade. "Sabemos por experiencia, que os parques eólicos non traen o progreso, todo o contrario, traen desertización e abandono de terras". Para o BNG é preciso "un cambio de modelo e un novo plan sectorial eólico que exclúa realmente as zonas de alto valor ambiental e con garantías de participación pública dos beneficios do sector".
Sinala que "o problema non é a enerxía eólica, é o xeito no que se están a realizar os proxectos de maneira masiva, non planificada e a grande escala afectando a zonas de grande valor ecolóxico, medioambiental e agrogandeiro, regalando o espazo público e a paisaxe natural a grandes compañías foráneas a cambio de irrisorias compensacións".
O BNG aposta polo desenvolvemento eólico, "un desenvolvemento racional e fixado no país, pero neste momento, vivimos un descontrol eólico no que priman os intereses das eléctricas usando un marco legal obsoleto, cunha planificación de 1997, sen garantir tratos xustos aos propietarios das terras, sen negociación e sen protexer as áreas de valor ambiental".
Manifestación
Por outra parte, desde o BNG da comarca facemos un chamamento á participación na manifestación convocada para o vindeiro sábado 5 de xuño en Santiago de Compostela (12h.), baixo o lema Eólica, así non, convocada por ADEGA, Fruga, CIG e outros colectivos sociais e do movemento ecoloxista.
Comments