Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces demanda a paralización inmediata da actividade na antiga canteira da parroquia cruceña de Camanzo, porque sinala que existe unha gran preocupación por parte dos veciños. Así que insta ao goberno local a impedir esta actividade.
Comunicado íntegro do BNG de Vila de Cruces
Existe unha profunda preocupación veciñal en Camanzo xa que se están vertendo residuos de obra na antiga canteira coa excusa da súa restauración, mentres, o alcalde non informa á veciñanza e mantense de brazos cruzados. Existe un informe desfavorable, do 23 de xuño de 2021, dende o departamento de urbanismo de Vila de Cruces no que se lle esixe á
empresa a seguinte documentación: solicitude de licenza municipal aportando proxecto técnico completo, Informe preceptivo do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España para a localización do vertedoiro, Autorización sectorial de Augas de Galicia, Autorización sectorial da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Autorización sectorial por parte do Servizo de Infraestruturas Agrarias de Medio Rural e polo tanto a paralización inmediata da actividade.
O 7 de xullo a empresa Residuos Puenteledesma S.L. da resposta a este requirimento sen achegar ningún tipo de acreditación dos órganos mencionados anteriormente. E volve reiniciar a actividade, acondicionando accesos, pechando perimentralmente o espazo, e volvendo a descargar escombros de obra nos que se poden aprezar materiais que non están permitidos na Restauración como poden ser ferros ou plásticos, a última descarga da que a veciñanza nos fai eco, este mesmo mércores 11 de agosto.
Unha vez vista a resposta da empresa e consultando de novo co departamento de urbanismo, o Grupo do BNG non considera suficiente a xustificación da empresa para reiniciar a actividade.
Polo que solicita ao alcalde que axilice un novo requirimento e a paralización inmediata da actividade, así como a retirada do material descargado nos últimos dous meses, xa que as filtracións que os materiais que alí se están a enterrar poden ocasionar grandes problemas ambientais e para a saúde a través das augas, así como enormes perdas económicas para as explotacións agrícolas e gandeiras da contorna. Así como a dar resposta ás solicitudes de información que se levan dando entrada no rexistro municipal dende finais de xuño.
Comments