top of page

O BNG de Cruces propón crear un parque xerontolóxico na residencia coa herdanza de Vidal de Fuentes

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

“O patrimonio municipal debe estar para o servizo da veciñanza e non parado

tras máis de sete anos”


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O BNG de Vila de Cruces propoñerá no vindeiro pleno crear un parque xerontolóxico na residencia de maiores da localidade coa herdanza de Vidal de Fuentes Peláez.


"A Residencia de Maiores de Vila de Cruces foi de sempre, exemplo de profesionalidade absoluta por parte da equipa de traballo, tamén de grande vínculo entre traballadoras e persoas usuarias, tal foi así que un dos primeiros residentes, Vidal de Fuentes Peláez, ademais de deixar unha grande pegada persoal no centro, deixou tamén unha herdanza no Concello de Vila de Cruces que debe ser reinvertida para mellorar as instalacións e contorna do centro", considera o partido nacionalista.


"Se algo evidenciou esta pandemia, que seguimos a vivir, foi o bo facer das profesionais da residencia, mais tamén evidenciou unha grande necesidade, nos momentos máis duros, e é que as instalacións, a pesar dalgunha modificación puntual, seguen sendo nalgúns casos deficientes. O Protocolo Covid provocou unha serie de modificacións nas rutinas diarias no centro, como foron os accesos de proveedores, vehículos de emerxencias, acceso do persoal do centro. Ou tamén no día a día dos e das residentes, xa que unha vez que puideron ter acceso aos patios exteriores, víanse limitados porque o xardín da residencia non está acondicionado para as persoas máis dependentes", recalca.

Lembra que en novembro de 2014, un dos primeiros residentes que acompañou ao centro nos primeiros anos de andaina, Vidal de Fuentes Peláez, falecía tristemente aos 92 anos,

mais deixaba un legado ao Concello de Vila de Cruces que estaba comprometido a

mellorar o centro residencial:

  • Cinco vivendas en Valladolid e unha praza de garaxe compartida en Lalín por valor de 109.672,28 euros.

  • Diñeiro en conta, xoias e bisutería que acada os 84.854,03 euros.

"Consideramos que é de recibo investir esa herdanza, por dous motivos. Por un lado, ao Concello non lle aporta practicamente nada ter cinco vivendas arrendadas por 50 euros ao mes en Valladolid, e mais é motivo de preocupación, xa que de acontecer algo nesas vivendas a responsabilidade recaería sobre o propio Concello. E por outra banda, é fundamental que os bens patrimoniais do Concello cumpran servizo para o propio concello, polo que reinvertir os cartos desa herdanza na mellora do acondicionamento da Residencia de Vila de Cruces é a mellor das solucións", indica o BNG. Por iso, insta ao goberno local que poña á venda as propiedades da herdanza, de forma que o diñeiro recadado poida ser invertido na creación dun xardín xerontolóxico, crear un acceso directo ao parque público da residencia, mellorar o acceso superior da instalación para a entrada de vehículos de emerxencias, para a instalación dun timbre, para colocar vallas de seguridade no terraplén anexo ao acceso exterior e para mellorar a cuberta do patio para mellorar a mobilidade de usuarias e persoal cara ao exterior, cara a capela e a lavandería.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page