Esta proposta forma parte dunha serie de accións que integran o proxecto do partido nacionalista deste municipio para dar vida ao rural
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces pedirá no pleno a través dunha moción o aproveitamento das instalacións do museo da minería da parroquia de Fontao. Solicita abrir periódica e de forma axendada o Museo da Minería do Poboado Mineiro de Fontao; planificar a xestión do conxunto dos edificios dotacionais deste museo, con bases reguladoras do uso e goce dos mesmos, e elaborar un Plan de Convivencia entre o conxunto museístico e a veciñanza do Poboado Mineiro de Fontao, que atenda ao mantemento dos espazos públicos, a garantir a privacidade da veciñanza e a xestión de prazas de aparcadoiro, insuficientes ao abeiro do aumento poboacional da devandita urbanización rural.
Esta serie de medidas complementaría a aquelas presentadas no mes de novembro para o acondicionamento e mellor convivencia do poboado sinalización viaria do poboado, limpeza de fincas colinantes, arranxo dos espazos de xogo..., "e que en lugar de realizar esas melloras, a contorna vese máis e máis deteriorada, debido ao abandono ao que está sometido polo goberno municipal".
O partido nacionalista considera que prima "a necesidade de darlle ao Poboado Mineiro de Fontao o recoñecemento que merece, así como, o seu lugar e funcionalidade no concello de Vila de Cruces, ofrecendo un uso orgánico e integrado da instalacións e edificios do Museo da Minería de Fontao, no que prime a convivencia e a rendibilidade e eficiencia do espazo", recalca o BNG.
Comentarios