top of page

O BNG de Cruces pide ao goberno local "que deixe de xogar coa veciñanza" e lle ceda a Alcaldía

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Tilda aos orzamentos presentados para o 2021 "de estar inflados e de ter fins electoralistas, chantaxeando á oposición e o que é máis importante, tomando o pelo á cidadanía


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O BNG de Vila de Cruces cuestiona a proposta de orzamentos locais para 2021. "O grupo de minigoberno co asesor de comunicación pretenden chantaxear á oposición cuns orzamentos irreais, nos que inclúen as axudas provintes doutras administracións, como son a Xunta de Galiza e Deputación, pertencentes ás obras aprobadas en 2020, que polo tanto xa terían que estar executadas", acusa. E considera que "os orzamentos están inflados con fins electoralistas, chantaxeando á oposición e o que máis importante, tomando o pelo á cidadanía".

Os membros do BNG. Autor: BNG

Asegura que por un lado, "aínda están rematando obras herdadas do goberno anterior como son a axuda do IDAE para a renovación de iluminaria cun montante de máis de 800.000 euros, ou a rúa Neira Vilas, iniciadas no ano 2020, pero que recibiron unha ampliación dos prazos de execución debido á situación sanitaria que estamos a vivir". Tamén menciona as obras aprobadas do Plan Concellos da Deputación de 2020, que segundo o BNG, aínda están comezando agora como son os camiños de Sabrexo, Duxame, Insua e Portodemouros, as melloras do pavillón municipal ou a senda da Galiña Azul, "que recentemente se solicitou unha prórroga máis. "Estas últimas suman ao redor de 214.000 euros", apunta.


Sinala que tamén se contempla no borrador dos orzamentos a Reinversión do Plan Concellos 2018/2119 ou o Plan Marco. "Todas elas suman unha inversión de 1.400.000 euros aproximadamente que xa debera estar executado, sobre un orzamento de 4.700.000, o cal o seu resultado real descontando estas inversións que deberían estar anexadas ao orzamento prorrogado de 2020, quedaría en realidade, non orzamento de 3.300.000 euros".


O BNG considera que "as conclusións son claras: o alcalde Luis Taboada tivo paralizado o concello durante estes dous anos, co fin chegar ao final de mandato cortando cintas de inauguración a cambio da vontade da xente, e priorizando o seu ego e interese político en detrimento das necesidades da cidadanía".


Por outra banda, apunta que presentan unha serie de subvencións nominativas tamén "herdadas, inflando as cantidades de xeito aleatorio". Afirma que son "subvencións máis que necesarias, dende o punto de vista do BNG, para cinco entes deportivas, dúas fundacións, catro asociacións culturais e unha asociación de comerciantes, mais insuficientes e inxustas", recalca. "O BNG sempre defendeu que as subvencións deben pasar por un procedemento de concorrencia competitiva, para que así sexan establecidas por lei, baixo uns parámetros xustos e realistas, sen discriminar ao resto de agrupacións, asociacións e colectivos municipais. Esta postura forma parte do cambio que ofrece o BNG e que o grupo de Xuntos obstaculiza incumprindo o relevo na alcaldía".


Así mesmo, engade que "se ao orzamento real do concello se lle resta o apartado de inversións propias que son ao redor de 158.000 euros e o de subvencións, estaríamos a falar de ao redor de 3.100.000 euros, que iría destinado a cubrir gastos fixos de: persoal, servizos básicos que se incrementan e non o suficiente debido á situación Covid, e contratos que deben saír a concurso e que levan caducados dende tempos inmemoriables como poden ser as Escolas Deportivas ou Escola de Música, que nin sequera coa axuda do asesor xurídico contratado o ano pasado o minigoberno foi quen de sacar adiante", lamenta.


E ao mesmo tempo apunta que "isto é un breve resumo da prolongación de dinámicas empobrecedoras, arrastradas do PP que agora executan alcalde e concelleiros de Xuntos. Un continuísmo que o BNG votou en contra". "O xeito de chantaxear á cidadanía e á oposición cos remanentes queréndoos vincular aos orzamentos é un signo máis deste sen sentido populista do minigrupo de goberno, xa que fraccionar o remanente deixando 200.000 euros para que a oposición lles faga o traballo non é un detalle co resto da corporación, se non que é un signo máis de falta de proxecto, de falta de visión de futuro para o noso concello", incide. Polo que o BNG lle pide "amablemente que deixe de xogar coa veciñanza e que permita o cambio de alcaldía para o BNG, onde nos encargaremos de levar adiante o verdadeiro cambio polo que apostamos e apostou a veciñanza aquel 26 de maio de 2019".


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page