O BNG de Cruces esixe responsabilidade á Xunta, á firma concesionaria e ao goberno local polo ferri
- ecosdacomarca
- 1 jun 2022
- 2 Min. de lectura
Sinala que unha nova avaría tivo parado o servizo entre os días 25 e 27 de maio
Ecos da Comarca/Vila de Cruces/Santiso
O BNG de Vila de Cruces esixe responsabilidade á Xunta, á empresa concesionaria e ao goberno cruceño sobre o estado do servizo do ferri en Portodemouros. "A Xunta de Galiza, en concreto a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade trata de enganar sistematicamente aos usuarios da barcaza que une Vila de Cruces con Santiso".

Sinala que unha nova avaría tivo parado o servizo entre os días 25 e 27 de maio, "ao romper unha botella hidráulica mentres accedía un tractor á barcaza. Isto débese ao que dende o BNG vimos denunciando dende hai tempo, xa que a barcaza non cumpre coas condicións axeitadas para a carga de transportes pesados. E o que é peor, a reparación non pode deixar sen servizo aos usuarios durante dous días. Isto acontece porque o servizo técnico para esta urxencia é de oito horas, en lugar de doblar turnos para arranxar a avaría canto antes". Por outra banda, e con respecto ás respostas dadas dende a Consellaría ás preguntas elaboradas polo deputado do BNG Xosé Luis Rivas Cruz, ao respecto das melloras e mantemento do servizo acordado dicir, "que non se está facendo seguimento do servizo á empresa concesionaria por parte da Xunta, ou peor aínda, se se está a facer ese seguimento a Xunta pecha os ollos e mira para outro lado, xa que en ningún caso as rampas de acceso reformadas cumpren co ancho suficiente para maniobrar transportes longos, e non tan sequera se modificou o 50% do longo das rampas, que o operario da embarcación non é un garda de tráfico para baixar do transporte e dirixir as maniobras".
Insuficiente iluminación polo lado de Santiso
Ademais, subliña que "tampouco é suficiente a iluminación colocada pola empresa do lado do concello de Santiso, xa que na marxe de Vila de Cruces o acceso de embarque segue a día de hoxe totalmente a escuras. Polo que dende o BNG esiximos responsabilidade ante a perigosidade do acceso á embarcación, así como a qué a Xunta se asegure de manter o servizo as 24 horas dos 365 días do ano, tal como establece o acordo".
Por último, o voceiro Álex Fiuza pide responsabilidade ao alcalde Luis Taboada, "que ten totalmente esquecida á veciñanza de Loño e Arnego con este asunto, a única resposta que reciben del é que hai que facer unha manifestación, polo que dende o BNG pedimos ao alcalde que actúe en consecuencia ao cargo que ocupa, e faga caso das demandas, que deixe de comportarse como grupo da oposición e actúe como goberno municipal, pedindo que a conselleira faga unha visita ao lugar, para ver un situ a situación na que se atopa o servizo, na que poida asistir a veciñanza afectada e poñer fin a este culebrón, no cal quen ten responsabilidades, a Xunta, actúa facendo políticas de escapismo e o goberno local, demagoxia barata mentres a veciñanza sofre as consecuencias".
Comments