Reclama transparencia ao grupo de "desgoberno" do municipio
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces esixe ao alcalde, LuisTaboada, a restauración ao acceso do Libro de Decretos de Alcaldía mediante a plataforma Gestiona e reclama transparencia ao grupo de "desgoberno" de Vila de Cruces.
"Despois de anos de implantación do programa Gestiona, que vén a ser unha ferramenta a favor da transparencia e que supón un aforro considerable de tempo e recursos para o Concello, o rexidor deu orde para impedir o acceso á información nun claro intento para dificultar de novo a labor de control ao goberno que realiza a corporación.Isto é unha medida que semella máis unha forma de evitar o debate público sobre as decisións desacertadas do goberno", acusan os nacionalistas.
Todo isto vén dado dende que o BNG, segundo como afirman, "descubreu a contratación, sospeitosa, dunha asesoría financieira hai un par de semanas. Que se suma á contratación do asesor xurídico, asesor de comunicación e á arquitecta posta a dedo en lugar de cumplir coa sentenza do TSXG, que obriga ao Concello de Vila de Cruces a volver a sacar a praza de técnico de Urbanismo por medio dun concurso transparente, e que todas estas contratacións superan os 7.000 euros de gastos fixos ao mes para as arcas municipais que pagamos todas e todos, para o desasoramento de quen nos desgoberna".
Ademais, o BNG pregúntase "que ten que esconder Luis Taboada á veciñanza para cortar o acceso ao resto da corporación municipal da información pública?". Sinala que dende o comezo do mandato o BNG solicitou acceso ao libro de Decretos de Alcaldía, xunto co acceso ao rexistro municipal, a través dunha moción aprobada en pleno para unha maior transparencia pública. Na última semana, o BNG vén de coñecer que "xa non ten acceso aos decretos de alcaldía, dificultando a labor de fiscalización do resto da corporación".
"Que mudou no Concello de Vila de Cruces? A caso o alcalde ten medo a que a Corporación se decate dalgunha mala práctica por parte do desgoberno? Este acontecemento súmase á utilización partidista das redes sociais do concello, que comparten notas de prensa do grupo de Xuntos, mediante o xornal de cabeceira de Taboada e o seu asesor de comunicación, co fin de adiantar a campaña electoral de Xuntos con medios públicos".
Solicita cordura
O BNG pide cordura ao alcalde, "xa que o Concello é de todas e todos, e non pode privar de información pública nin á cidadanía nin aos seus representantes. Dá a impresión que tras tres anos de mandato, un deles ilexítimo, Taboada aínda non se decatou que debe gobernar en democracia e con transparencia", recalca a formación política.
Comments