Concretamente, dos de Val do Folgoso e Monte dos Porcallos
Ecos da Comarca/Deza
O Bloque Nacionalista Galego de Vila de Cruces e de Silleda presentaron este xoves as súas alegacións á liña de evacuación dos parques eólicos Val do Folgoso e Monte dos Porcallos, que afectan a ambos municipios. As alegacións fan referencia ás consecuencias que provocarán os parques no sector agrícola e gandeiro, sobre as masas forestais, sobre a poboación, sobre a Rede Natura 2000, sobre o Patrimonio e fan fincapé na preocupación social que están provocando.
Álex Fiuza e Tania Cornado, do BNG de Cruces e Silleda.
A principal afección que xerará esta liña, terá lugar nos termos municipais de Vila
de Cruces (San Pedro de Losón) e Silleda ( parroquia de Saidres) no punto no que
a liña cruza o río Deza, zona de alto valor natural pola conservación da vexetación
autóctona e de ribeira, tal e como recalca o partido nacionalista.
"Estas alegacións céntranse nas afeccións que pode chegar a provocar a liña tanto a nivel social, pero sobre todo económico en parroquias con risco de despoboamento e eminentemente agrogandeiras", resalta o BNG.
Ante todo isto solicitan "o rexeitamento do Estudo de Impacto Ambiental e da solicitude de Autorización Administrativa Previa do Parque Eólico Monte dos Porcallos, de 56 MW, situado no termo municipal de Lalín (Pontevedra), e a súa infraestrutura de evacuación, situada nos termos municipais de Lalín, Vila de Cruces e Silleda (Pontevedra) (BOPPO N. 53, de 18 de marzo de 2021), Código de proxecto: PEol-353 AC, e a súa retirada definitiva pola súa incompatibilidade cos valores ambientais, patrimoniais, económicos e paisaxísticos presentes na área de afección do proxecto".
Comments