Ecos da Comarca/Arzúa
O candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa, Xoán Xesús Carril, acompañado de membros da candidatura, explicou o programa de goberno da organización nacionalista para as parroquias.
Así, o candidato do BNG comprometeuse a que, “o BNG desde a Alcaldía porá en marcha un servizo público de transporte a demanda para facilitar o desprazamento daquelas veciñas e veciños que precisen achegarse ao casco urbano para facer xestións como acudir ao centro médico, facer a compra, ir ao banco, ir á feira ou calquera outra xestión do día a día” explicou Carril. “Entendemos que é un servizo moi necesario que facilitaría a vida a moitas veciñas e veciños” sinalan desde o BNG.
En relación coa xestión do lixo, Carril incidiu en que “co BNG no goberno municipal aumentaremos a frecuencia da recollida do lixo nas parroquias e tamén a colocación de contedores, para favorecer a reciclaxe. Neste momento o Concello de Arzúa está a pagar unha grande cantidade de diñeiro público anual como penalización por non facer unha correcta separación dos residuos” informou o candidato nacionalista e, engadiu, “entendemos que desde o goberno municipal hai moito por facer neste sentido por iso é importante facilitar a reciclaxe coa extensión dos diferentes contedores a todas as parroquias".
O desenvolvemento dun Plan integral de arranxo de pistas “absolutamente abandonadas por este goberno municipal”, a extensión da rede de saneamento e traídas de auga, a extensión da fibra óptica e da cobertura móbil e a revitalización da actividade nos Locais Sociais son outras das propostas que o BNG defende para as parroquias.
“A veciñanza das parroquias de Arzúa debe ter os mesmos dereitos e ser tratada por igual. Non pode ser que haxa parroquias de primeira e parroquias de segunda, como aconteceu con este goberno municipal nos últimos anos” sinalou Carril. “Un goberno do BNG no concello de Arzúa terá isto sempre presente,” concluíu.
Commenti