O BNG de Agolada propón un programa de pastoreo para previr lumes, recuperar terras e xerar emprego
A iniciativa, que se levará ao próximo pleno, propón unha partida inicial de 20.000 euros
para impulsar proxectos de pastoreo preventivo e gandería extensiva
Ecos da Comarca/Agolada
O BNG de Agolada levará ao próximo pleno unha moción para crear en 2027 un Programa
Municipal de Pastoreo Preventivo e Silvopastoreo, cunha partida inicial de 20.000 euros, co
obxectivo de recuperar terras abandonadas, reducir biomasa e favorecer a gandería extensiva.

A proposta está pensada para que asociacións veciñais, comunidades de montes e outras
entidades locais, por si mesmas ou en colaboración con explotacións gandeiras, poidan impulsar proxectos para agrupar parcelas e mantelas mediante cabras, ovellas, cabalos ou vacún. As axudas poderían financiar peches, pastores eléctricos, puntos de auga, refuxios e outras actuacións necesarias para facer viable o pastoreo.
PUBLICIDADE
Os proxectos seleccionaríanse mediante concorrencia competitiva, valorando especialmente a superficie recuperada, a agrupación de parcelas, a protección das aldeas fronte aos incendios, o emprego de razas autóctonas galegas, a participación veciñal e a capacidade para xerar actividade económica e emprego.
A portavoz municipal, Susana Tato Pampín, explica que a iniciativa toma como referencia
experiencias como “O Que Non Arde” da Deputación de Lugo, adaptándoas á realidade de Agolada. “Non se trata só de limpar monte. Trátase de recuperar territorio e conseguir que ese territorio volva ter actividade e futuro”.
PUBLICIDADE
O BNG de Agolada quere poñer tamén o foco na vertente económica. “O emprego e a riqueza non se xeran unicamente coa chegada de grandes industrias. Tamén podemos crear oportunidades aproveitando os recursos que xa temos: terra, gando, coñecemento e persoas”. A moción lembra que 130 das 274 empresas con sede social en Agolada en 2024 pertencían á agricultura e pesca, máis do 47 % do tecido empresarial municipal.
A proposta inclúe tamén formación e asesoramento para a transformación e comercialización dos produtos derivados da actividade gandeira, como queixos, produtos lácteos ou carne de calidade. Como referencia, o BNG sinala a experiencia de O Rexo, en Allariz, onde o pastoreo con ovellas se vinculou á elaboración e comercialización de queixo artesanal.
PUBLICIDADE
“Propoñemos comezar cunha experiencia piloto, avaliar os resultados e, se funciona, ampliala progresivamente. Cremos que Agolada pode converterse nun referente demostrando que previr incendios, recuperar terras, apoiar a gandería e xerar oportunidades de emprego poden formar parte dunha mesma política de futuro para o rural”, conclúe Tato Pampín.










Comentarios