O BNG de Agolada propón impulsar a formación en coidados como oportunidade de emprego para o SAF
- ecosdacomarca

- 14 ene
- 2 min de lectura
Ecos da Comarca/Agolada
O BNG de Agolada presentou unha moción para o seu debate no pleno municipal coa que propón apostar pola formación en coidados como unha oportunidade real de emprego para a veciñanza, ao tempo que se mellora a organización do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e se dignifican as condicións laborais do persoal. A iniciativa parte dunha realidade recoñecida polo propio goberno local: a dificultade para cubrir as baixas médicas e as vacacións do persoal do SAF, o que está a provocar que existan horas recoñecidas que seguen sen asignar, malia haber persoas que precisan o servizo.

A portavoz do BNG en Agolada, Susana Tato Pampín, explica que “hai horas concedidas que non se están podendo cubrir, e iso non é porque non haxa necesidade, senón porque faltan persoas formadas e con condicións laborais que permitan quedar”.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Desde o BNG sinalan que esta situación ten moito que ver coa precariedade no sector dos coidados, con contratos parciais e salarios baixos, que dificultan atraer e manter persoal no rural. Neste sentido, Susana Tato apunta que “se queremos un SAF que funcione, hai
que ofrecer traballo digno. Con contratos parciais e salarios baixos é moi difícil garantir estabilidade”.
Lonxe de quedar só na crítica, o BNG defende que esta realidade tamén abre unha oportunidade para Agolada, apostando pola formación como ferramenta para crear
emprego local e mellorar os servizos públicos. “Os coidados son unha necesidade que vai a máis. Se somos capaces de formar xente aquí, estamos creando emprego e mellorando un servizo básico para o concello”, sinala a portavoz nacionalista.
Publicidade
A moción propón impulsar a formación en coidados a través de certificados de profesionalidade, programas de formación en alternancia ou dual e programas mixtos de emprego e formación, en colaboración coa Xunta de Galicia, así como facilitar prácticas e itinerarios de inserción laboral no propio SAF.
Publicidade
Ademais, inclúe medidas para mellorar as condicións laborais, como avanzar cara a contratos a xornada completa, estudar o uso de contratos fixos-descontinuos para cubrir baixas e vacacións, e reforzar unha bolsa municipal de persoal formado. Para Susana Tato, “esta moción non vai contra ninguén. Vai de poñer ideas enriba da mesa para que o SAF funcione mellor e para que a xente de Agolada teña oportunidades de traballo aquí”.








Comentarios