O BNG de Agolada pregúntase que se fixo ao longo de todos estes anos para aprobar o PXOM
- ecosdacomarca
- 14 feb 2023
- 2 Min. de lectura
"Realmente nin o PP nin o PAYJ fixeron nada ningún deles. O único que dominan á perfección é a política do pim pam pum da que a veciñanza xa está farta", recalca Tato
Ecos da Comarca/Agolada
A coordinadora do BNG de Agolada, Susana Tato, critica tanto ao goberno local como a oposición formada polo PP da falta de avances para a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no municipio.

"Cando a cidadanía agolense xa tiña esquecido o PXOM do noso concello, a candidata do PP tróuxonolo á actualidade ao afirmar que a reactivación económica que propón o PP está no PXOM. Dado que o devolveu á actualidade, terá que dar algunha explicación a respecto do que pasou co PXOM de Agolada. Ela, que ten unha dilatada vida política como concelleira do PP dende o ano 2007 ata o día de hoxe, aínda que algúns anos foi concelleira nun concello limítrofe, e que nos ofrece amplía experiencia na xestión no seu discurso, terá que explicar a xestión que o PP de Agolada fixo do PXOM", recalca.
Antecedentes
E ante esta crítica, Tato menciona os antecedentes en relación a esta cuestión. "O PXOM de Agolada foi aprobado inicialmente en marzo de 2016, cando o PP tiña maioría absoluta no concello. Posteriormente abriuse prazo de exposición pública para que a veciñanza puidera formular as alegacións que estimara oportunas. Dito prazo de alegacións rematou o 1 de xullo de 2016 con un total de 40 alegacións veciñais. O alcalde do PP considerou que as escasas alegacións presentadas era un éxito rotundo do PXOM. Dixo que nuns días reuniría ao equipo de goberno para resolver sobre delas, levar o documento á aprobación provisional por parte da corporación municipal e posteriormente remitilo á Xunta para a aprobación definitiva. En definitiva, en cuestión de meses podería estar o PXOM aprobado definitivamente para desatascar as problemáticas do concello".
Pois ben, prosegue, "en xullo de 2016 perdéuselle a pista ao PXOM de Agolada. Pese ás poucas alegacións rexistradas, moitas delas referentes a casas que quedan fóra de núcleo rural e incluso núcleos rurais enteiros que perden esta condición, cos conseguintes problemas de quedar fóra de ordenación, con problemas para vender, para reformar, para acceder a hipotecas,.... nunca recibiron unha notificación de resolución nin por parte do goberno do PP nin do actual goberno do Partido Anticorrupción y Justicia (PAyJ)", asegura o BNG.
Ante isto, pregúntase "que fixo o PP co PXOM durante os ano 2016, 2017, 2018 e o primeiro semestre do 2019 que tiña maioría absoluta en Agolada? Que intereses ocultos tiñan para paralizar o procedemento de aprobación do PXOM? Que fixo o actual alcalde co PXOM durante estes catro anos? Realmente non fixo nada ningún deles. O único que dominan á perfección é a política do pim pam pum da que a veciñanza xa está farta", conclúe.
Comments