O BNG de Agolada pide ao Concello que solicite a cesión da titularidade do centro de saúde ao Sergas
- ecosdacomarca
- 12 jun 2024
- 2 Min. de lectura
Indica que "presenta moitas deficiencias incompatibles cun entorno laboral axeitado para os traballadores e no que no se pode tratar os pacientes nunhas condicións mínimas"
Ecos da Comarca/Agolada
Susana Tato Pampín, concelleira do BNG no concello de Agolada, vén de presentar unha
moción para o próximo pleno ordinario deste Concello solicitando a cesión da titularidade do centro de saúde deste municipio ao Sergas.

Dende o grupo do Bng de Agolada recalcan que o ambulatorio "presenta moitas deficiencias que resultan incompatibles cun entorno laboral axeitado para os traballadores e traballadoras e no que no se pode tratar os pacientes nunhas condicións mínimas ou incluso para a conservación dos materiais propios da actividade que se realiza, atopándose moitas veces o material por o chan sen unhas condicións adecuadas para a súa conservación".
Publicidade
A súa concelleira cita algunhas das deficiencias que presenta o centro de saúde de titularidade municipal entre as que se poden destacar: "as humidades, que alcanzan o almacén o que supón perda de material, o cableado eléctrico se canalizar que pode producir avarías, accidentes ou incendios, fiestras con rexas que impidan a saída en caso de incendio, portas con ancho insuficiente para a entrada de camillas, fallos no sistema de calefacción e auga quente, mobiliario obsoleto e un longo etcétera".
Considera o grupo do BNG de Agolada que todas estas deficiencias que urxe subsanar
representan unha carga económica para as arcas municipais. Nun servizo que entenden que "non é de competencia municipal, senón da propia Xunta de Galicia".
Publicidade
Resalta Tato que “dende o noso punto de vista, este centro de saúde debería cederse o Sergas para que sexa este organismo quen se encargue da xestión e do mantemento e así poder ofertar os nosos veciños e veciñas un centro de saúde cunhas condicións óptimas". O grupo do BNG insiste en que "nas condicións nas que se atopa o centro de saúde córrese o risco de que calquera día sexa pechado por no cumprir cunhas condicións mínimas de seguridade tanto para o persoal laboral como para os pacientes".
Comments