O BNG de Agolada logra un avance histórico no Pleno para frear a planta de biogás
- ecosdacomarca

- 11 dic 2025
- 2 min de lectura
Cuestiona a abstención do PP e e prepara unha iniciativa no Parlamento galego
Ecos da Comarca/Agolada
O BNG de Agolada sinala que "conseguiu un importantísimo avance político" ao lograr aprobar, no Pleno municipal, tanto a moción como a emenda presentadas pola súa portavoz, Susana Tato, co obxectivo de frear a instalación dunha planta de biogás entre as parroquias de Eidián e Artoño e que afectaría tamén a Berredo e Borraxeiros. "As propostas foron aprobadas cos votos favorables do PAYJ, mentres que o Partido Popular optou por poñerse de perfil, absterse e evitar asumir responsabilidade nun dos asuntos máis relevantes para o futuro de Agolada", salienta o Bloque.

Así o BNG de Agolada explica que o que queda aprobado é un antes e un despois para Agolada.
O Concello posicionouse oficialmente en contra da planta de biogás.
Suspéndense as licenzas urbanísticas e ambientais vinculadas á instalación.
O alcalde está obrigado a entregar toda a información dispoñible sobre
contactos, reunións e documentación recibida.
Actívase un freo legal real que impide avances “pola porta de atrás”.
“O conseguido é un paso histórico para Agolada. Por primeira vez, o Concello posiciona con claridade que este proxecto non encaixa no noso territorio e activa medidas que realmente frean a súa tramitación", sinala Susana Tato. “Coa suspensión de licenzas deixamos claro que aquí non se vai instalar nada ás présas nin sen control. Agora o Concello ten ferramentas reais para protexer o territorio.”
Publicidade
“Lamentamos profundamente que o Partido Popular volvese poñerse de perfil. Absterse cando o que está en xogo é a saúde, o territorio e o futuro das parroquias non é ser neutral: é non estar á altura.” “O BNG fixo o traballo que había que facer: liderar, propoñer e conseguir acordos que protexen Agolada. E imos seguir.”
Iniciativa no Parlamento Galego da man de Ariadna Fernández
O BNG anuncia que nos vindeiros días presentará unha iniciativa no Parlamento galego, impulsada pola deputada Ariadna Fernández, para garantir por todos os medios que non se poida instalar unha planta deste tipo en Agolada. " O obxectivo é reforzar a capacidade municipal, impedir que proxectos desta natureza se tramiten como “industriais estratéxicos” e consolidar unha protección efectiva do territorio fronte a grandes
instalacións industriais. O PP queda só: unha abstención que fala por si mesma".
Publicidade
O BNG de Agolada critica que o PP de Agolada "escollera non apoiar as medidas que protexen Agolada, non asumir unha postura e non defender o territorio. Mentres o BNG conseguiu avances reais e o PAYJ deu un paso adiante, o Partido Popular limitouse a evitar comprometerse, mesmo sabendo o impacto que este proxecto tería no municipio. O BNG continuará liderando a defesa do rural en Agolada".
Deste xeito, o Bloque reafirma "o seu compromiso político de seguir traballando en todas as frontes —Concello e Parlamento— para pechar todas as portas posibles ao proxecto e garantir que ningunha empresa nin ningunha administración poida impoñer unha planta de biogás en Agolada".








Comentarios