top of page

O BNG de Agolada dubida da reactivación das parcelarias neste concello

"En vésperas dun proceso electoral, ten un certo tufo electoralista, e fano sen o máis mínimo prurito despois de que o PP votara en contra de varias iniciativas presentadas polo BNG para levalas a cabo", recalca


Ecos da Comarca/Agolada

O BNG de Agolada considera que o anuncio feito este luns pola Directora Xeral de Desenvolvemento Rural de reactivar as concentracións parcelarias en varias parroquias de Agolada, "é unha boa nova, mais non podemos obviar que se produce en vésperas dun proceso electoral e polo tanto ten un certo tufo electoralista". Este anuncio, sinala, "queda eivado, en primeiro lugar porque exclúe a Sesto e Brocos e en segundo lugar porque hai un antecedentes que non dan moita credibilidade ao anuncio".

E lembra que "os compromisos en vésperas de campaña electoral son reincidentes no noso concello. Temos que recordar que hai exactamente catro anos, en vésperas do proceso electoral das municipais de 2019, o conselleiro de Medio Rural visitou Agolada e comprometeuse a decretar as concentracións parcelarias antes de que rematase o ano 2019. Agora, catro anos despois e novamente ante un proceso electoral, volven coa promesa de reactivar o tema, pero agora xa hai que facer un estudo de iniciación previo a decretar as mesmas. E fano sen o máis mínimo prurito despois de que o PP votara en contra de varias iniciativas presentadas polo BNG nas que se pedía reactivar as concentracións parcelarias de Agolada, nas que xa se investiran máis de 800.000 euros en 2009, co obxectivo de poñer en valor o potencial agrícola e forestal do noso concello".

Mentres, incide, as concentracións "do noso concello foron postergadas polo PP ( na Xunta, no Parlamento e pola inactividade do grupo municipal do PP) , eles mesmo iniciaron máis de 20 concentracións parcelarias no país. A política municipal en Agolada basease na cerimonia da confusión. Ningún está cando fai falta. A candidata do PP non estivo empurrando cando o BNG levaba as iniciativas ao parlamento e o alcalde nin se presenta a unha reunión, á que foi convidado, e na que se trataban asuntos importantes para Agolada. Así imos moi mal!", recalca a coordinadora do BNG de Agolada, Susana Tato.


NOTICIAS RELACIONADAS:

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page