top of page

O BNG da comarca da Montaña celebrou en Arzúa o seu Xantar pola Patria

Preto dun cento de persoas déronse cita na carballeira de Santa María nun acto que contou coas intervencións de Xoán Xesús Carril, Iria Carreira e Bieito Lobeira


Ecos da Comarca/Arzúa

O Bloque Nacionalista Galego celebrou este domingo en Arzúa o seu Xantar pola Patria que reuniu a varias ducias de persoas. Ante a ameaza de choiva, o evento tivo que ser trasladado ao interior do local social, que acolleu tanto o acto político coma o posterior xantar de convivio.

Esta xornada enmárcase dentro dos diversos actos que a fronte patriótica está a desenvolver por todo o País previamente á celebración do 25 de xullo, Día da Patria Galega. O evento deu comezo coa benvida de Xoán Xesús Carril, alcalde de Arzúa, na que puxo en valor o traballo que os concellos realizan para “construír País” e na que lembrou as ameazas que sofren “cun infrafinanciamento que nos afoga mais tamén con proxectos coma o de Altri que ameazan a concellos coma o de Arzúa no que o sector gandeiro é fundamental”.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A oposición ao proxecto de Altri foi unha constante da xornada da que tamén se fixeron eco, tanto Iria Carreira, deputada no Parlamento galego e Responsábel Comarcal, coma Bieito Lobeira, membro da Executiva Nacional do BNG. Carreira lembrou todas as potencialidades que Galicia ten se solta o lastre do centralismo “e se tivese un goberno que se preocupase do seu País e a súa xente”. Instou a deixar de considerar a “Galiza que soñamos coma unha utopía” e a seguir traballando para poñela en marcha, “a comezar por ateigar as rúas de Compostela este 25 de xullo”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Bieito Lobeira lembrou a importancia da loita do nacionalismo galego para combater outros proxectos nocivos para o noso País “e que hoxe non son realidade pola forza da nosa xente”. “Igual que paramos outros, tamén imos parar Altri”, dixo nunha intervención na que tamén incidiu na defensa da paz e o antiimperialismo como parte da ideoloxía do BNG, e que rematou animando a participar “na gran manifestación que percorrerá Compostela e a seguir loitando por unha Galiza ceibe e popular".  

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page