top of page

O BNG cruceño sinala que A Carixa debe ter os seus servizos a pleno rendemento a estas alturas

Ecos da Comarca/Vila de Cruces

"A área recreativa máis concorrida da comarca debe ter os seus servizos a pleno rendemento a estas alturas", esixe o portavoz nacionalista de Vila de Cruces, Álex Fiuza. Refírese a da Carixa, situada na parroquia de Merza.

"Trala renuncia á prórroga da anterior concesionaria do chiringuito B da Carixa, xa ás portas do verán de 2022, a capacidade de reacción debía ser inmediata por parte de quen goberna. O BNG leva a pedir dende o ano pasado en reiteradas ocasións buscar unha solución. Mentras o Concello non tramite ese novo concurso debe manter os baños dese lado abertos e en condicións de limpeza", apunta.


Di Álex Fiuza, que se debe buscar de xeito urxente a fórmula para sacar a concurso dito local. "Debería estar aberto na semana e tamén no verán, tamén se traslada a necesidade de repoñer un columpio de bebés que foi retirado hai un par de meses, o motor das piscinas está actualmente sen tapa e a cadea que impedía o acceso aos coches no lado novo está rota dende hai meses", asegura.

Á súa vez, o BNG pide ao goberno que se fagan cumprir as cláusulas da concesión do chiringuito das piscinas. "Debería estar ofrecendo o servizo de atención ao público dende o 1 de abril dando cobertura durante a Semana Santa, así como que se limpen as papeleiras e os baños. Son uns mínimos de salubridade e boa imaxe".

O novo firme

Así mesmo, sinala que o novo firme das piscinas debe ser revisado e mellorado. "Tralo fiasco da reforma das piscinas do 2022 actualmente está totalmente agrietado e precisa de posta a punto. Parece mentira que alguén que xubilou tan ben grazas á obra pública, non sexa quen de facer unha supervisión para corrixir eses erros. Tamén se pide a retirada do céspede artificial que dá acceso ás mesmas, xa que pode ser un foco de fungos e infeccións. Na primavera comezan as excursións de colexios que paran na Carixa a comer e o Concello debe ofrecer unha imaxe coidadosa co seu entorno", recalca o BNG cruceño.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page