Comprométese a nivel municipal para a mellora das estradas que dan acceso ao ferri, A Casela e Reboredo
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
Logo da resolución da Valedora do Pobo a respecto das actuacións en Portodemouros para garantir un servizo permanente e axeitado aos tempos actuais, o BNG acusa á Xunta de Galiza e a Augas de Galiza "de favorecer os interese de Naturgy en detrimento dos dereitos da veciñanza do noso concello".
Sinala que as actuacións levadas a cabo pola Valedora do Pobo na que solicitou información a Augas de Galiza, organismo dependente da Xunta, e á empresa concesionaria, Naturgy. Naturgy "fai unha relación das obras acometidas ao longo do tempo para garantir a prestación do servizo e tamén fai referencia aos días que non houbo servizo da barcaza, total uns 30 días no 2022".
Pola súa banda, Augas de Galiza "di que non lle consta que Naturgy incorrese en ningún incumprimento das obrigas impostas na concesión. Polo contra, cre que Naturgy sempre actuou de xeito dilixente no que atinxe a transporte e cumprindo as actuacións esixidas pola administración".

Este servizo, recalca o partido nacionalista, "só pode ser interrompido por causas de forza maior". O BNG cre, ao igual que a Valedora do Pobo, "que os motivos polos que estivo interrompido o servizo ao longo de 2022, especial o mes que estivo paralizada por causa dunha inspección, non son causas de forza maior. Son actuación previsibles e polo tanto deberían ter outra barcaza que prestara o servizo durante a inspección".
Ano 1975
Por outra banda, apunta que esa barcaza que data do ano 1975, con varias reformas ás súas costas "xa debería estar fóra de servizo". "Deben proceder a dotar o servizo cunha nova barcaza que garanta un servizo axeitado aos tempos actuais, que garanta a seguridade dos que viaxen nela e que evite tantos paros por reparacións".
O voceiro nacionalista, Álex Fiuza, recorda que foi o BNG quen presentou a proposta non de lei ao Parlamento que fora aprobada por unanimidade. "Tras a mobilización social e do BNG a Valedora do Pobo decide actuar de oficio e recomendalle á Consellaría a necesidade de que no prazo dun mes de conta a esta institución da aceptación da recomendación formulada, e das medidas adoptadas para darlle efectividade".
Melloras
Ademais das deficiencias da barca, das rampas de acceso e da iluminación, o BNG resalta a necesidade de mellorar o acceso dende a EP-6405 ata o ferri, e amosa o seu compromiso para arranxar e habilitar o acceso pola pista de A Casela, "co fin de ofrecer aos usuarios un acceso con maior seguridade, ademais de reacondicionar a pista que dá acceso dende Reboredo, cun novo firme e a instalación de barreiras de seguridade".
Segundo se desprende do escrito da Valedora, tal e como sinala o BNG, Naturgy informa dos cortes de servizo ao alcalde. "Este tamén é responsable xa que debería ser o primeiro en pedir unha nova barcaza para garantir o servizo permanente e seguro, en lugar de agradecerlle á empresa a instalación de iluminaria, que segundo a mesma non estará lista ata decembro de 2023, tras décadas de abandono".
Fiuza afirma " que na política hai que facer propostas realistas, con vontade e coa seguridade de poder cumprir, e non prometer pontes en vísperas de eleccións".
Comments