Respóndelle a Taboada que "o partido nacionalista estaba coa veciñanza, xa que o que debe unir é a loita contra quen quere esquilmar os nosos recursos e o noso país"
Laura Moure/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces pide "a paralización inmediata dos proxectos eólicos que pretenden arrasar o concello, mentres non exista un novo Plan Eólico de Galiza que exclúa zonas protexidas ambientalmente ou de producións agrarias, a participación dos concellos e das comunidades dos montes nos ingresos dos parques e a obriga das empresas de presentar proxectos de industrialización das zonas afectadas". Lembra que Green Capital ten previsto instalar tres parques eólicos neste municipio,"pero en vez de presentalo como un só, posto que comparten liñas de evacuación, saca a exposición pública un a un para evitar un estudo de impacto ambiental no que se avalie os efectos do seu conxunto", considera o grupo nacionalista cruceño.
Sinala que os parques que se pretenden instalar en Vila de cruces, pertencen a dúas soas empresas GREEN CAPITAL ENERGY e ALDESA, e ambas presentan o mesmo modus operandi, apunta. "Por un lado presentan anacos de parques e por outro as LAT de evacuación, un sen sentido, xa que uns sen as outras non terían finalidade algunha. Estamos a vivir unha explosión de proxectos eólicos con moitísimos problemas para o noso territorio, xa que se fai sen planificación, sen un axuste ás necesidades medioambientais e sociais do noso país e sen ter en conta para nada á nosa xente, co fin de aproveitarse dos nosos agros, montes e perxudicando terriblemente á saúde da nosa poboación, á economía, á flora e fauna e ao noso ben máis prezado como son a nosa terra e os nosos acuíferos".
Ademais, recalca que "é evidente que non está orientado para beneficiar ás nosas xentes, porque pese a estar rodeiados de encoros, aeroxeneradores e liñas eléctricas, nin sequera dispoñemos dun subministro eléctrico decente- Este plan eólico está concebido para enriquecer os intereses do oligopolio eléctrico, sendo consentido tanto polo Goberno Estatal como polo goberno da Xunta de Galiza de Núñez Feijoo e o PP", lamenta. "O concello de Vila de Cruces estaría sometido, de saír adiante, a un megaparque eólico, coa clara intención de depredar e espoliar os nosos recursos, partindo en catro este proxecto para evadir a normativa medioambiental, xunto con outras tres LAT procedentes doutros parques da comarca, e que terían especial incidencia na zona norte e leste do noso concello, asentándose nas parroquias de Toiriz, As Cruces, Cumeiro, Ferreirós, Duxame, Portodemouros, Sabrexo, Ollares, Carbia, Piloño, Merza, Fontao, Bodaño, Oirós e Besexos, ou o que é o mesmo o 60% do territorio municipal, deixando parroquias case completas dentro da área poligonal eólica".
Por outra banda, o portavoz do BNG quere recordarlle ao alcalde Luis Taboada que o BNG, no seu día, e durante todos estes anos, "estaba facendo oposición na Xunta de Galiza, ao igual que o facía no Concello de Vila de Cruces, fronte ás maiorías absolutas do Goberno do Partido Popular, e se non actuou en maior medida contra esta depredación ambiental e social, foi pola falta de transparencia dos que gobernaban no seu momento e gobernan, únicos responsables e quen contaban coas competencias para paralizar esta masacre", incide. "A pregunta é, onde estaba vostede estes anos? Onde estaba cando a veciñanza se mobilizou nas épocas de Redesa ou dos encoros? Da man do Partido Popular ata que lle cortaron o grifo. O BNG estaba coa veciñanza, xa que o que debe unir é a loita contra quen quere esquilmar os nosos recursos e o noso país", conclúe.
Comments