Amosa o apoio absoluto coas dúas bandas do municipio e esixe sacar a concurso as bases para a Escola de Música Municipal, que leva anos cun contrato obsoleto
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces parabeniza a iniciativa Nacional co seu compromiso coas bandas de música populares galegas reclamando á Xunta a declaración BIC do seu legado, e con ela quere amosar o apoio absoluto coas dúas bandas do concello de Vila de Cruces, esixindo dunha vez por todas, sacar a concurso as bases para a Escola de Música Municipal, "que leva anos cun contrato obsoleto".
Para os nacionalistas, a Unión Musical de Ponteledesma, creada no ano 1987, e a Banda Artística de Merza, formada en 1828, a cal é a agrupación popular máis antiga de Galiza, representan "a expresión máis visible e vital da cultura galega ademais de contar cun fortísimo arraigo social no noso concello".

Tras o encontro con representantes da Federación de Bandas de música populares, a portavoz de cultura do BNG, Mercedes Queixas, destacou o valor da expresión cultural e de grande arraigo na cultura galega destas agrupacións. Queixas anunciou que o BNG instará á Xunta a “incoar o expediente para a declaración BIC” das bandas galegas así como o reforzo das distintas formacións que nutren dun grande número de músicos e músicas profesionais ás orquestras de todo o mundo.
Resultaría moi difícil, dixo, "pensar na nosa cultura galega sen as bandas de música populares". As bandas de música, engadiu, "están presentes en todo o territorio galego e debemos poñer en valor a súa orixe vinculada ao asociacionismo cultural de base moitas das veces asociada “ao voluntarismo e altruísmo”".
Para o BNG, afirmou, as bandas son un acontecemento cultural “cunha dimensión única” e cunha arraigada presencia no medio rural e nas pequenas vilas que axudan a cohesionar a sociedade e o territorio achegando a formación musical a unha gran parte de persoas, “unha función democratizadora” que permiten o acceso á formación e experiencia cultural ao conxunto da poboación sen limitación de espazo e tempo. Bandas como a Artística de Merza superan os 180 anos de existencia e todas construíron e están a construír un “inmenso patrimonio cultural inmaterial”.
Proposta levada a máis dun pleno
As bandas populares de música deben ser “atendidas, promovidas coidadas e protexidas”, de aí a necesidade á que o BNG DE Vila de Cruces, quere instar ao goberno local de Vila de Cruces a sacar adiante o concurso da Escola de Musica Municipal. “Despois de anos aparcado nun caixón, é inexplicable", afirma o portavoz nacionalista, Alex Fiuza, "que ese contrato siga sen saír á luz, xa que existe un proxecto que regularía a situación dunha escola de música que cada ano nutre ás dúas formacións musicais de Vila de Cruces, e que axudaría a reforzar o legado que durante tantos anos levan cultivando as nosas bandas, incluso máis alá das nosas fronteiras”. E insiste en que “esta proposta de convocatoria de concurso da Escola de música Municipal é levada polo BNG pleno tras pleno dende hai máis de tres anos, en forma de moción, preguntas ao goberno… mais a situación non muda, a pesar de que o desgoberno de Vila de Cruces ten contratado un servizo xurídico para sacar estes concursos adiante, semella que para o alcalde estes asuntos carecen de importancia, cando en realidade son parte fundamental do noso concello, que serve como rampa de saída a grandes profesionais que con orgullo levan o nome da Artística de Merza e da Unión Musical de Ponteledesma polo mundo adiante".
Comments