O BNG cruceño logra o apoio do Pleno para realizar melloras no Poboado Mineiro de Fontao
- ecosdacomarca
- 2 feb
- 2 Min. de lectura
Fiuza pídelle ao goberno local "maior implicación e un mellor mantemento das instalacións e do entorno dun espazo único, que debería ser referencia patrimonial e turística"
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces pedio no último pleno levar a cabo melloras no Poboado Mineiro de Fontao, un espazo único. A súa proposta contou co apoio do resto de partidos políticos.
Publicidade
O Poboado Mineiro de Fontao (Vila de Cruces) foi construído, tal e como sinala o Bloque, no ano 1954 "para dar vivenda ao persoal da mina, un espazo con vivendas para as persoas obreiras, para as persoas capataces, para a parella de mestres, cun cine, unha igrexa e unha escola. A súa construción coincidiu en tempo co declive da demanda do wolframio, polo que non tardou en quedar case abandonado… dise que case, porque sempre viviron nel algunhas familias ás que a empresa da mina alugaba as vivendas".
É un espazo, apunta, "moi peculiar tanto pola importancia histórica da mina, como polo seu estilo arquitectónico, motivo polo que é considerado un espazo patrimonial. Despois de anos de abandono, foi adquirido pola Xunta no ano 2000, elaborando un plan especial para a súa recuperación que se aprobou no 2002. Rematouse a rehabilitación das vivendas no 2004 para ser destinadas a vivendas de protección autonómica; as vivendas foron adxudicadas en decembro de hai 20 anos".

"Nunha segunda fase, rehabilitáronse as escolas, o cine e a igrexa, estes dous últimos para ser un museo que no seu día foi obxecto do despilfarro sen contido polo Partido Popular e que agora, é un cúmulo de gastos sen beneficios para o concello pola mala xestión tamén do Goberno actual de Luis Taboada. O abandono non se limita ás dependencias do museo, senón que se estende ao resto dos espazos comúns do poboado, con bancos estragados, con alumeado en condicións deplorables e que constitúen un perigo para as persoas, cun mantemento das zonas verdes pouco frecuente, cunha recollida de lixo insuficiente, con bloques de vivendas restauradas e outros sen restaurar", subliña o BNG.
Debido a esta situación o BNG volveu presentar unha nova iniciativa no pleno ordinario do 31 de xaneiro, que foi apoiada polo pleno, na que se demanda ao goberno municipal "o aproveitamento racional e rendible do conxunto museístico, facendo as reparacións pertinentes e dotándoo dunha colección acorde ao espazo, que converta Fontao nun
referente turístico da memoria, un espazo de lecer e aprendizaxe para a veciñanza así como para as persoas visitantes, o mantemento dos espazos comúns, revisando todo o
alumeado público, para retirar e substituír os elementos lumínicos que están estragados,
coa mellor premura posible, pola perigosidade que supoñen".
Publicidade
Ademais pide solicitar información ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) sobre os plans que hai sobre a restauración dos bloques de vivendas que están sen rematar, e demandar a axilización do proceso, xa que a estética actual do Poboado Mineiro de Fontao non atende ao seu valor patrimonial.
Comentários