top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O BNG cruceño insta ao alcalde a convocar un pleno extraordinario para ir contra os parques eólicos

"Hai que ter un posicionamento claro e unánime contra eles, que o seu fin é esquilmar o noso territorio, roubar a nosa enerxía e repercutir negativamente na saúde ", apunta Fiúza


Laura Moure/Vila de Cruces

O BNG de Vila de Cruces insta ao alcalde a convocar un pleno extraordinario co fin de crear unha fronte común coa veciñanza contra a invasión de parques eólicos que se aveciñan neste municipios. "Nos últimos meses vimos de coñecer varios estudos de impacto medioambiental para a instalación dos parques eólicos proxectados na comarca e as súas liñas de evacuación. Sen ir máis alá, en Vila de Cruces están proxectados os seguintes parques: Axóuxere(22,5MW), Cunca ( 22,5MW) e Rodeira (22,5MW), dos cales no mes de novembro, Green Capital Power, sacou a exposición pública a liña de evacuación dos tres e o BNG de Vila de Cruces presentou unha serie de alegacións contra a súa liña de evacuación, atendendo así ao posicionamento en contra que a veciñanza nos fixo chegar nunha xuntanza realizada en Bodaño e á que acudiron o voceiro Álex Fiúza e a concelleira Beatriz Gómez", apunta o Bloque Nacionalista. En concreto o voceiro nacionalista sinala que "é imprescindible ter un posicionamento claro e unánime contra todas estas megaestructuras, que ao fin e ao cabo o único fin é esquilmar o noso territorio, roubar a nosa enerxía e repercutir negativamente na saúde da veciñanza

e da nosa contorna".

Álex Fiúza, vocerio do BNG cruceño.

Ademais, inciden en que as liñas de evacuación dos parques eólicos da comarca van cara a Subestación de REE en Silleda e cara Portodemouros. "Esta liña de evacuación que cruzará o concello de Vila de Cruces cara a Silleda tamén vai evacuar a enerxía producida nos parques eólicos que están proxectados en Agolada e Rodeiro (en total sete) polo que unha nova liña cruzará o concello para unilos", explica. "Por outra banda, os parques eólicos de Órrea (Agolada), tamén evacuarán a súa enerxía atravesando o noso concello, para rematar na subestación de Portodemouros", engade.


A estes hai que sumar, como indica, o parque eólico da Mesada, proxectado no 2012, e que afecta ás parroquias de Sabrexo e Ferreirós, "o cal foi modificado en varias ocasións pola súa proximidade a restos arqueolóxicos, e da cal aínda non hai constancia se evacuará a enerxía cara a Silleda ou cara a Portodemouros, se compartirá estructuras eléctricas cos outros parques, ou polo contrario terá a súa propia. E para rematar, na actualidade está en fase de exposición pública os parques de Lalín, cuxa liña de evacuación tamén afectará ao noso concello na parroquia de San Pedro de Losón".


En resumo, o BNG lembra que se proxectará en Vila de Cruces un total de catro parques eólicos e catro liñas de alta tensión "que coserán o noso municipio afectando directamente a máis da metade das parroquias, sen contar coa polémica liña de alta tensión xa existente de Redesa que activou a loita contra o expolio enerxético no noso concello, o encoro de Portodemouros e os saltos de Ínsua e Ollares. A necesidade de produción de enerxía verde non pode ser a costa de expulsar do territorio ás súas xentes", recrimina. Por iso, insiste en que "urxe un posicionamento claro de toda a Corporación, dado que xa están correndo os prazos para presentar alegacións contra varios destes proxectos, nestes momentos o parque eólico da Cunca e a liña de evacuación que afecta a San Pedro e sobre o conxunto destas estruturas no noso concello".


Liña de alta tensión en Merza

Por último, este partido da oposición cuestiona que "quen hai 25 anos meteu unha liña de 400.000w de doble circuíto polo medio das casas na súa parroquia, Merza, agora pretende liderar que isto mesmo non aconteza noutras parroquias, ao igual que o actual alcalde Luís Taboada, que neses tempos era quen acompañaba e facía de consolador do rexidor naquel momento, Jesús Otero". E engade que "sería ben interesante, que en lugar de pretender colgarse medallas sen facer nada, se comezase dunha vez por todas a tramitar, tanto o alcalde Luís Taboada como Jesús Otero, voceiro do PP, cos seus colegas da Xunta de Galiza os acordos aprobados por unanimidade no pleno municipal de comezos de 2017, debido á perigosidade que as torres de alta tensión xeran coa súa proximidade ás casas". Ante isto, insta á Xunta de Galicia, Consellaría de Industria e a Consellaría de Economía que soliciten á Rede Eléctrica de España o soterramento da Liña de Alta Tensión ao seu paso polo concello de Vila de Cruces na parroquia de Merza e ademais, solicita unha reunión co Director Xeral de Industria e pide crear unha comisión con representación de todos os grupos políticos do Concello e veciños afectados para buscar unha solución ao problema do paso da Liña de Alta Tensión pola parroquia de Merza.



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page