Álex Fiúza considera “urxente” aprobar a conta municipal logo de cinco anos cun orzamento do PP prorrogado
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces decidiu apoiar os orzamentos municipais para 2024 nun “exercicio de responsabilidade e compromiso” cos veciños e veciñas. Logo de manter un
encontro co goberno local, o BNG acadou compromisos de melloras sociais para a veciñanza de Vila de Cruces en investimentos e en equipamentos demandados pola veciñanza.
O voceiro municipal nacionalista, Álex Fiúza, valora que “é urxente sacar adiante orzamentos despois de 5 anos duns presupostos prorrogados do PP que non atenden á realidade das necesidades da veciñanza”. As contas de 2024 presentadas por Xuntos teñen, para o BNG cruceño “moitas eivas”, pero o BNG vén de mellorar o orzamento con compromisos en materia social importantes para a veciñanza.
Publicidade
As melloras acordadas incrementarán a partida destinada a mantemento nos CEIP. Sería pasar de 5.000 euros presentados polo goberno a 20.000 euros solicitados polo BNG. Isto implica a creación de parques infantís tanto no CEIP Cerdeiriñas como no CEIP Nosa Sra da Piedade así como, melloras na seguridade de acceso aos centros. Tamén se acordou fomentar un convenio coa Consellería de Educación para que asuman as súas competencias en canto a demandas históricas de ambos centros como poden ser: cambio de ventás, teitos, renovación de aseos, elevadores, barreiras arquitectónicas, etc.
Álex Fiúza recordou nesa reunión a necesidade urxente de poñer en marcha o edificio polivalente de Vila de Cruces e chegouse ó compromiso de dotalo de persoal socio sanitario para arrancar como centro de día e espazo interxeracional, aumentando a partida de 40.000 euros para a contratación de persoal especializado.
Publicidade
Outro dos acordos nesa reunión foi a desafección do centro educativo de Merza e, posta a punto para poñer a disposición da veciñanza, das asociacións culturais e tamén para a creación de aulas destinadas á Escola Municipal de Música, dado que está a piques de concederse un contrato de 114.000 euros para un dos piares fundamentais da cultura deste concello. Tamén se tratou a mellora de iluminación no Auditorio de Ponteledesma onde tamén se imparten aulas da Escola Municipal.
O BNG valora a súa postura “facilitadora, en beneficio dos veciños e veciñas de Vila de Cruces”, un acordo que segundo explicou o voceiro nacionalista será “fundamental para avanzar en servizos básicos para a veciñanza, e está feito pensando en todos e cada un dos veciños e veciñas de Vila de Cruces”.
Comments