"Seis meses despois das probas, o Concello atópase nunha situación propia dun goberno caciquil, que non fai máis que improvisar e ir tapando as vergoñas con remendos"
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces esixe ao alcalde de municipio, Luis Taboada, crear un suplemento de crédito para poder incorporar o conserxe como moi tarde en setembro. "Esta praza de conserxe quedou vacante en 2014, e a consignación económica de dito posto non aparecía nos orzamentos prorrogados de 2019. Si é certo que existía unha retención de crédito para os meses dende setembro a decembro de 2019. Mais o proceso para o concurso da praza fíxose público en agosto de 2019", explican os nacionalistas.
"Tras presentarse case 90 persoas, mediante pago das propias taxas, o concurso estivo paralizado case ano e medio, ata decembro de 2020, tempo máis que suficiente para que o desgoberno de Vila de Cruces se decatase que para poder incorporar persoal, debían dotar de crédito un posto que estaba pendente de cubrir", indica. "Seis meses despois das probas, o Concello de Vila de Cruces atópase nunha situación propia dun goberno caciquil, que non fai máis que improvisar e ir tapando as vergoñas con remendos onde unha persoa que aprobou unha praza pública de pleno dereito, non se pode incorporar porque a entidade que a xestiona non a dota de crédito, e mentres tanto, temos un CEIP sen conserxe dende hai case que tres meses", lamenta.
Polo que pide ao alcalde Luis Taboada que priorice esta situación para non volver comezar o curso sen o persoal do que dispón o concello. O BNG recalca de novo que son necesarios novos presupostos adaptados a un novo proxecto e á realidade, o cal brilla pola súa ausencia.
コメント