O BNG cruceño demanda ao Concello que ceda a casa da Carixa para sede do club Caiac Extremo Galicia
- ecosdacomarca
- 14 nov 2021
- 3 Min. de lectura
Solicita habilitar unha vía de acción para que as instalacións públicas sen uso se poidan destinar a proxectos cidadáns de emprendemento
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces posúe instalacións públicas sen uso aos que se lle debe dar unha utilidade mediante a cesión temporal a colectivos que os precisan para as súas actividades sempre e cando estas redunden en beneficio para a sociedade do concello. Isto é o que demanda o BNG cruceño. Sinala que actualmente existen as antigas casas dos mestres reformadas como centro multifuncional, casa do conserxe desafectada hai pouco en pleno, edificio do matadoiro de galos en Vila de Cruces xa en estado ruinoso e a casa da Carixa adquirida en propiedade xunto cos terreos, entre outras. O BNG solicita habilitar unha vía de acción para achegar estas instalacións a proxectos cidadáns de emprendemento, que están precisando de espazo físico para desenvolverse. "Todo isto é un claro exemplo da pésima xestión e da falta de proxecto do gobeno local ocupa de Vila de Cruces".

Neste sentido o BNG ten proxecto para o uso destas instalacións. "Somos coñecedores do interese por parte de certos colectivos que poderían dar uso a estes espazos, entre os que se encontramos o club Caiac Extremo Galicia que chegaron ata Vila de Cruces para presentar o seu proxecto", avanza.
A día de hoxe e dende hai por enriba de 30 anos, recalca, "existe un potente movemento de piragüismo no noso concello". A Real Federación Española de Piragüismo avala o caiac dende marzo de 2021. "Actualmente temos o club de Caiac Extremo Galicia constituído por máis de 30 membros da xeografía galega e outros moitos de diferentes lugares de Europa. Galicia é destino invernal dos mellores piragüistas mundiais e conflúen usuarios de múltiples nacionalidades europeas. O río Deza ao seu paso por Merza é o que máis veces se rema ao ano debido ás súas características, xa que a cunca que verte nel, retén a
auga máis tempo que calquera outro en todo o país. Por isto que é un lugar habitual de reunión para a práctica deste deporte. No tramo “Deza Baixo” rémase ata Gres. Tamén se rema o Arnego. O espazo xeográfico e natural implicado neste proxecto de caiac é de grande interese para a veciñanza así como para dar a coñecer unha dimensión descoñecida da nosa paisaxe e da nosa identidade".
Subliña que o club mencionado, Caiac Extremo Galicia, precisa dun espazo físico ao que aterse como punto de encontro e no que poderían desenvolver cursos de iniciación para os rapaces, xornadas de limpeza do río, traballos gráficos para o turismo describindo o tipo de río así como dificultade por tramos e organización da concentración anual na que converxen máis de 20 nacionalidades europeas.
Tendo en conta as condicións de localización da Casa da Carixa e sendo un ben inmobiliario de titularidade municipal en desuso e en estado de abandono, o BNG de Vila de Cruces quere propor que poidan asentarse con sede neste espazo, creando un pulo no deporte e no turismo para Vila de Cruces así como un movemento veciñal de colaboración e fomento da práctica do caiac entre usuari@s que teñan interese en iniciarse neste deporte.
O BNG quere dar un pulo forte a proxectos desta natureza pois supoñen unha posta en valor do respecto ao medio ambiente, ó deporte, á cultura plural e ó turismo. "Espazos onde conflúen estas ideas supoñen un obxectivo importante a acadar para o noso Concello, creando así un lugar de interese para quedar a vivir e tamén receptor de novas persoas". O BNG reclamará ó goberno dar uso a estas instalacións e poñer fin "a esta parálise que sofre Vila de Cruces. Queremos facilitar a tódalas asociacións e clubs que saquen adiante os seus proxectos".
Comentários