O BNG cruceño creará un plan de vivenda para que a xente quede neste municipio
- ecosdacomarca
- 5 may 2023
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces pretende crear un plan de vivenda para que a xente quede neste municipio. “Os 657 fogares sen habitar en Vila de Cruces son unha enorme oportunidade para atraer poboación ao noso concello, para provocar un crecemento gradual e sostible da poboación, que deben ir acompañados de dotación de equipamentos e servizos ás 3.493 vivendas que hai na actualidade en Vila de Cruces,” afirma o candidato á Alcaldía polo BNG, Álex Fiuza.

"O despoboamento das nosas parroquias é un dos principais problemas aos que se enfronta Vila de Cruces. Non hai xente en 657 fogares ,tanto de recente como de antiga construción, isto supón o (18,8%) dos 3.493 fogares existentes na actualidade. Vila de Cruces está case un punto por enriba da media galega, unha ampla porcentaxe precisa dunha rehabilitación ou reforma".
A vivenda, recalca, " é unha das principais preocupacións da veciñanza de Vila de Cruces, a crise de prezos que padecemos e a inasumible suma dos tipos de interese no último ano, ten convertido o pago da hipoteca ou dun alugueiro nun auténtico pesadelo. Estamos nunha situación na que as persoas que pretenden independizarse non teñen posibilidades no noso concello para podelo facer. Ben pola falta de servizos ou pola falta de oferta laboral, a xente decide marchar a concellos limítrofes".
Por todo isto, o BNG quere ofrecer un programa de vivenda, para facilitar á xuventude a independencia e para que as familias aposten por quedar aquí. Para o BNG a vivenda é unha problemática que se debe abordar dende o Concello, coordinando todas as actuacións que se fagan neste eido. “As nosas prioridades pasan por solucionar o problema da vivenda aos sectores en situación máis precaria, tamén mellorar a calidade das vivendas, actuando sobre a rehabilitación, demandado á Xunta a construción e posta a disposición de Vivendas de Protección Oficial e Promoción Pública,” afirma Paula Rivela, número 3 da candidatura.
Así mesmo, destacan que "é fundamental crear unha oficina municipal de vivenda e un estudo real da necesidade de vivenda en Vila de Cruces e a poiar na tramitación de subvencións de outras entidades para a rehabilitación, compra e alugueiro".
Convenio coa Sareb
Ademais, propoñen crear un convenio coa Sareb, "xa que ten recollidas 33 vivendas no noso concello, as cales, deben ser postas a disposición da veciñanza. Crear o Rexistro de Bens, unha Bolsa de Vivenda con todos estes inmobles para reactivar a mobilización da vivenda baleira na que o concello só fará de mediador entre as partes. Servirá para activar a oferta e demanda de vivendas, explotacións e terreos coa intención de ser vendidos ou alugados, para darlles unha segunda vida, ofrecendo alternativas residenciais e laborais para aquelas persoas que apostan por novos proxectos no rural. Axilizar a aprobación do Plan o Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) adaptándoo á lexislación vixente. Desenvolver por iniciativa pública as áreas de reparto que posibilite poñer en marcha novas construcións, equipamentos, servizos e a obtención de solo para vivenda de promoción pública que dean resposta ás necesidades reais da veciñanza, evitando así a especulación inmobiliaria", recalca o partido nacionalista.
Comments