O BNG critica "o silencio cómplice do PP de Lalín diante da ameaza de Altri"
- ecosdacomarca

- 20 mar 2025
- 4 Min. de lectura
Mari Fernández esixe a Crespo “que defenda o noso modelo territorial, o noso futuro e a nosa saúde” dun proxecto que “afectará a Lalín”
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín demanda un posicionamento do Concello en contra da instalación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. A responsable Local, Mari Fernández, considera “escandaloso” o “silencio cómplice que até o de agora e durante o último ano ven mantendo o alcalde, José Crespo, diante desta bomba medioambiental“que vai a afectar tamén a Lalín e xa o teñen advertido diversos expertos”. Lembra a nacionalista que o BNG xa levou o ano pasado a pleno unha moción para que a Corporación pedira á Xunta a paralización da tramitación do proxecto, que foi rexeitada cos votos en contra do PP, “pero non escoitamos ao alcalde de Lalín dicir unha palabra ao respecto”.
Mari Fernández considera “especialmente grave” o “escapismo” do alcalde de Lalín sobre o proxecto industrial con máis contestación social da historia de Galiza, “un proxecto malo para o país, malo para a Comarca do Deza e malo tamén para Lalín”. A dirixente nacionalista lembra que a responsabilidade de Crespo neste asunto “aínda é maior que a de calquera alcalde que sexa responsable, porque el ademais é presidente da Mancomunidade Terra do Deza”.

A Responsable Local acusa a Crespo de “facer deixazón de funcións” como alcalde. “Estamos diante dun macroproxecto contaminante que ameaza ao interior de Galiza”, unha fábrica que estaría ubicada “só a 40 quilómetros de Lalín” e sobre a que “expertos teñen advertido dos impactos que podería provocar tamén no noso concello”. O BNG de Lalín lémbralle a Crespo que hai un informe do Consello da Cultura Galega -feito público xa en setembro de 2024- no que expertos da Universidade de Santiago sinalan que Altri “racharía co noso modelo territorial” e que alertan dos seus efectos en sectores tan fundamentais tamén para Lalín coma o agrogandeiro.
“O señor Crespo, que se gabou en Fitur de que en Lalín aínda non hai moitos eucaliptos, sabe polo Estudo de Impacto Ambiental de Altri e polos informes dos técnicos que o noso concello entra dentro do radio dos 60 quilómetros arredor de Palas de Rei no que a empresa quere obter as máis de 1,2 millóns de toneladas anuais de eucalipto que precisa para facer a celulosa soluble”, explica Mari Fernández.
“O señor Crespo sabe ou debería terse molestado en saber que este incremento da demanda de eucalipto na zona provocado por Altri vai afectar directamente á superficie agraria útil do concello de Lalín, porque as plantacións de eucalipto compiten pola terra directamente co sector agrogandeiro, un dos motores do noso concello”, incidiu Mari Fernández. “E o señor Crespo sabe polas advertencias de expertos desde hai meses dos
perigos da contaminación de Altri na atmósfera, e a xeración dunha boina de contaminación que dependendo das condicións climáticas tamén podería provocar contaminación e chuvia ácida en Lalín”.
"Pero diante de todos os informes e advertencias sobre esta bomba ambiental a carón das nosas casas e explotacións o señor Crespo decidiu calar, poñerse de lado do que manda o seu partido e axudar a estenderlle a Altri unha alfombra vermella para que espolie os nosos recursos, contamine o noso aire, a nosa auga e poña en perigo a nosa saúde e a dos nosos fillos e fillas”. Desde o BNG de Lalín consideran “inaudito que un alcalde e presidente de Mancomunidade de Concellos dunha zona directamente afectara non abrira a boca nin pedira explicacións á Xunta, nin sequera cando o goberno de Rueda aprobou a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) a Altri o pasado venres”.
“Silencio cómplice” tamén no Senado
A Responsable Local nacionalista considera tamén “o colmo do cinismo” que o alcalde de Lalín e presidente da mancomunidade “se sente cada semana no Senado a aplaudir a defensa bochornosa de Altri que fai o seu partido na Cámara Alta, onde piden reiteradamente ao Goberno do Estado que financie con cartos públicos a destrución ambiental e socioeconómica do corazón de Galiza, onde por certo está ubicado Lalín”.
Publicidade
Desde o BNG teñen claro que, como senador, Crespo ten que ser coñecedor de toda a documentación sobre o proxecto da macrocelulosa de Altri, “e nin se molestou en cuestionar sequera os efectos que tería esta fábrica na provincia á que representa no Senado nin ao concello e a mancomunidade que dirixe”. “É indignante que alguén con responsabilidades de representación na zona non abra a boca cando unha pasteira portuguesa pide 46 millóns de litros de auga ao día do encoro de Portodemouros e cando a mesma empresa recoñece unha vertedura diaria de 30 millóns de litros de auga contaminada e a 27 graos”.
Mari Fernández lémbralle a Crespo que “esa barbaridade está a acontecer a 15 quilómetros de Lalín, no veciño concello de Agolada onde por certo a veciñanza saiu este domingo á rúa a berrar Altri non. O BNG estaba alí coa veciñanza da comarca, onde estaba o señor Crespo e o PP?”. Diante deste “silencio escandaloso”, o BNG de Lalín advírtelle ao alcalde que “non imos deixar que siga facendo escapismo e deixación de responsabilidades, porque o que está en xogo é o noso futuro, o noso modelo de vida, o noso territorio e a nosa saúde”.







Comentarios