“Como dixo a nosa portavoz nacional: no BNG non imos deixar que o PP goberne ningún concello sempre que haxa unha alternativa nacionalista e de esquerdas que permita ter unha alcaldía transformadora para que Arzúa avance,” sinalou Manuel García
Ecos da Comarca/Arzúa
O Responsábel Local do BNG en Arzúa, Manuel García, informou hoxe de que a organización nacionalista convocou para o este xoves, 1 de xuño, unha Asemblea Local “á que está chamada a participar toda a nosa base militante e simpatizante para avaliarmos o escenario político aberto en Arzúa despois das eleccións municipais do pasado domingo, nas que o BNG colleitou un moi bo resultado situándonos como segunda forza política no noso concello”.
“Sabemos que o PP anda moi nervioso porque as veciñas e veciños non lle deron a maioría suficiente para gobernar, mais no BNG queremos facer as cousas con calma, diálogo e, por suposto, coa participación da nosa militancia e simpatizantes, porque queremos facer as cousas ben,” sinalou o Responsábel Local do BNG en Arzúa.
No caso de Arzúa o Responsábel Local do BNG remitiuse ás palabras da portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, sinalando que “tal e como a nosa portavoz nacional indicou após as eleccións municipais, no BNG non imos deixar que o PP goberne ningún concello sempre que haxa unha alternativa nacionalista e de esquerdas que permita ter unha alcaldía transformadora para que Arzúa avance,” concluíu Manuel García.
Comments