O BNG considera "inadmisible o modelo de desenvolvemento eólico e as liñas de evacuación en Deza"
- ecosdacomarca

- 20 may 2022
- 3 Min. de lectura
"Lévase por diante o territorio", sentenza
Ecos da Comarca/Deza
O BNG novamente elevara unha moción ao próximo pleno de Lalín, demandando instar a
Xunta e goberno central que a planificación eólica na Galiza, e o deseño das súas liñas de
evacuación, sexa revisado na súa totalidade, poñendo coma exemplo o despropósito que
suporá para Lalín e a Comarca de Deza "a que nos vén enriba". Neste momento acaba de publicarse a resolución do 6 de abril de 2022, pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa da liña de alta tensión para evacuar electricidade dos Parques eólicos de Cunca e Rodeira, emprazados nos concellos de Vila de Cruces, Silleda e Lalín (expediente IN408A 2020/172). (DOGA 87, do 5 de maio).

"Denunciamos que esta liña non vai ser a única, e xa están en trámite, ou pendente del, as liñas de evacuación para outros parques eólicos. Unha soa empresa xa promove a autorización, nestes momentos, de oito Parques Eólicos: xunto ao de Cunca, e Rodeira, os de Zamorra, Estivada, Carballeda, Outeiro, Turubelo, Alborín e Pescoso. Parques eólicos para os que se está deseñando unha malla de liñas de evacuación, principais e secundarias, e que no seu conxunto saturarán dun modo crítico a paisaxe da comarca, cun impacto ambiental durísimo, e que por riba non se avalía o dano no seu conxunto, senón de maneira individualizada", recalca o partido nacionalista.
Liña vertebradora que atravesa Lalín, LAT Turubelo-Rodeira
O BNG insiste en que "O Concello debe moverse de inmediato para tratar de modificar dita liña. Volvemos vivir unha situación semellante a do ano pasado, xa de aquela, o BNG levara a iniciativa no rexeitamento dos Parques Eólicos Porcallos e Val de Folgoso, alegando e levando unha moción que acadou o consenso municipal, para que a Administración Central, a competente nesa tramitación, desautorizara ambos parques. Agora, alertamos que a LAT Turubelo-Rodeira, aínda nunha fase previa de tramitación e sen anuncio público, sobre a que conectan outras que progresivamente vanse poñendo a
anuncio de solicitude de autorización (caso de Cunca e Rodeira), resulta estratéxica coma
eixo vertebrador para a conexión entre os parques situados entre Silleda-Lalín-Vila de
Cruces, e os de Agolada-Rodeiro-Irioxo. Dita liña xerará unha importante alteración no
territorio, con afección a terras agrarias, ao patrimonio, ao medio natural, e sobre
numerosas vivendas. Dos datos coñecidos desta LAT principal, preocupa que transcorrerá a uns 500 metros do xacemento arqueolóxico do Altar do Sol de Alperiz, e varias das súas mámoas". E subliña que se trata dun "xacemento do neolítico caracterizado por ser un dos poucos galegos erixidos nunha posición de alineación, no horizonte visual, co sol nacente do solsticio de inverno. A futura liña (xunto co PE Turubelo) condicionará moi negativamente unha das maiores potencialidades do Altar do Sol e o seu proxecto de recuperación".
Así mesmo, sinala que tamén afectará aos núcleos de Muimenta, "pasando ao pé de varias casas e negocios, pero sorprende a proximidade (entre 100 e 200 metros) coa que pasara fronte a Igrexa de San Miguel de Gurgueiro, a de Santa María de Parada, e a Igrexa de Santa María de Cangas, todos recintos arquitectónicos protexidos".
Necesidade dunha revisión
"Queremos repetir e insistir no próximo pleno con esta nova moción, e que dende Concello
se inste a Administración Autonómica coma a Administración Xeral do Estado que se reformule o modelo eólico e enerxético que queremos para Galiza. Que non continúen
impasibles ante unha situación para o que unha maioría da sociedade galega amosa grande preocupación, ante unha expansión eólica que resulta irracional e desproporcionada, á vista do grande número de proxectos que se están a tramitar", conclúe o BNG.







Comentarios