top of page

O BNG chama á mobilización na Illa de Arousa para esixir o arquivo de Altri e da mina de Touro-O Pino

A formación nacionalista anima á veciñanza da comarca a participar na manifestación do vindeiro 14 de xuño en defensa do río Ulla, da ría de Arousa e do futuro de Galiza


Ecos da Comarca/Xeral

O BNG de Deza-Tabeirós fai un chamamento á cidadanía para participar de forma masiva na manifestación convocada pola Plataforma Ulloa Viva, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e a Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non, que terá lugar o próximo 14 de xuño na Illa de Arousa baixo o lema “Pola defensa do Ulla e da Ría de Arousa. Re-matemos Altri e a Mina de Touro-O Pino”.


A mobilización partirá ás 12:00 horas desde a praia do Vao e ten como principal obxectivo reclamar o arquivo definitivo de dous proxectos que continúan representando unha seria ameaza para o territorio, os recursos naturais e os sectores produtivos vinculados ao medio rural e ao mar.


A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Ariadna Fernández, subliñou que “a Xunta debe abandonar a súa política de submisión aos intereses das grandes corporacións e poñer no centro a defensa do territorio, dos sectores produtivos, do medio ambiente e da calidade de vida da cidadanía galega”. Segundo explicou, “Galiza non pode seguir sendo tratada como unha simple fonte de recursos para o beneficio privado dunhas poucas empresas, mentres se compromete o futuro das vindeiras xeracións”.

Fernández denunciou que tanto o proxecto de Altri como a reapertura da mina de Touro-O Pino responden "a un modelo económico baseado no espolio dos recursos naturais e na socialización dos impactos ambientais, deixando sobre o territorio as consecuencias negativas mentres os beneficios marchan fóra do país".


Na mesma liña pronunciouse o responsable comarcal do BNG, Xoán Blanco, quen advertiu de que “nin Altri nin a mina están definitivamente descartadas”. “O proxecto de Altri continúa latente e podería reactivarse se se producen cambios políticos ou administrativos, mentres que a mina de Touro-O Pino segue sendo unha grave ameaza para a saúde ambiental da bacía do Ulla e para a actividade económica ligada á ría de Arousa”, afirmou.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Desde o ámbito municipalista, Álex Fiúza (Vila de Cruces) e Susana Tato (Agolada), tamén se insiste nas graves consecuencias que estas iniciativas poderían ter para o desenvolvemento económico da comarca. Os representantes nacionalistas lembran que a economía local susténtase en sectores estratéxicos como a produción agrogandeira, a transformación alimentaria e a produción de queixos amparados por denominacións de orixe recoñecidas, actividades que dependen directamente da conservación dos recursos naturais e da boa imaxe do territorio.


Así mesmo, alertan da situación que sofre periodicamente o encoro de Portodemouros, afectado por episodios de proliferación de cianobacterias que deterioran a calidade da auga e poden supoñer riscos para a saúde pública. Neste contexto, consideran que resulta imprescindible reforzar a protección ambiental da zona e evitar a implantación de proxectos industriais e mineiros con elevado impacto sobre os ecosistemas.


O BNG destaca tamén o papel fundamental da mobilización social na defensa do territorio. A formación lembra que foi a presión exercida pola cidadanía, o tecido asociativo e os colectivos ecoloxistas a que permitiu frear anteriormente o proxecto mineiro de Touro-O Pino e obrigou a Xunta a arquivar provisionalmente a proposta de Altri.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

“A historia recente demostra que cando a sociedade galega se organiza e defende o seu territorio é capaz de conseguir importantes vitorias. Agora cómpre continuar ese camiño para lograr o arquivo definitivo destes proxectos e garantir un futuro sustentábel para Galiza”, sinala Susana Tato.


Por todo isto, o BNG anima á veciñanza da comarca e ao conxunto da cidadanía galega a participar na manifestación do 14 de xuño na Illa de Arousa, nunha nova demostración de compromiso colectivo coa defensa do río Ulla, da ría de Arousa, do medio rural e dun modelo de desenvolvemento respectuoso co territorio e coas persoas.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page