O BNG califica "de indecencia absoluta a elección partidista de Feijóo como pregoeiro do Cocido"
- ecosdacomarca

- 19 abr 2022
- 2 Min. de lectura
Considera que "o goberno de Lalín utiliza recursos e cartos públicos para darlle cobertura institucional e organizarlle a un acto de masas para o candidato do PP á Moncloa" e solicita a comparecencia do alcalde do municipio para que de explicacións
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín califica "de indecencia absoluta a elección partidista de Feijóo como
pregoeiro da Feira do Cocido debido a que o Goberno de Lalín utiliza recursos e cartos
públicos para darlle cobertura institucional e organizarlle a un acto de masas para o candidato do PP á Moncloa. Non podemos deixar de lembrar que o ano pasado, a pesar de estar anunciado, non foi pregoeiro desa edición (sendo Pepe Solla) evidenciando o uso político da cita gastronómica xa que os actos polo situación da Covid eran limitados e con aforo reducido", recalca.

Ademais, subliña que "tampouco é causa menor que o anterior Goberno só asistiu a unha das catro Feiras (en 2016), non acudindo ás outras tres alegando problemas de axenda, chegando a producirse desprezo de vir o día anterior a comer un cocido cos do seu partido. É moi evidente que o que busca Crespo con Feijóo como pregoeiro, e o propio
Feijóo, é un baño de masas, dos que prescindiu o cuatripartito ao mudar o concepto da Feira do Cocido xa que cando nós gobernamos nunca trouxemos de pregoeiro a un político, senón a unha persoa neutra coa que se podía identificar o conxunto da poboación". E recalca que "mais que agora sexa Feijóo significa volver á peor época de uso partidista, por parte do PP, da Feira do Cocido, na que o PP volve pensar que a Feira é do partido, e non da cidadanía".
O partido nacionalista considera en que "o Cocido é unha ferramenta económica importantísima para o noso Concello e que se ten que coidar ao máximo como fixemos no pasado Goberno (lembrar que batimos récord de asistencia tanto no propio día da Feira como no mes do Cocido), pero que non pode perderse que sexa de todos os vecinos. A consecuencia que despois do Cocido de Miami, fagan isto, non é outra que infrinxirlle un enorme dano á Feira".
Para o BNG a Feira do Cocido ten que "ser do e para o pobo, e non dos políticos e de certas elites económicas polo que consideramos gravísimo e sen precedentes o da presenta edición, debido a que si que se trouxeron no pasado presidentes e conselleiros mais nunca se trouxo como pregoiro a ningún candidato". Para o BNG esta decisión vai supoñer un desgaste importante da Feira do Cocido polo súa utilización política ao querela identificar cun partido político e polo tanto dividir ao conxunto da cidadanía.
Por todo isto, presenta unha moción a través da cal solicita "a comparecencia no próximo pleno municipal do alcalde, José Crespo, para dar explicacións dos feitos anteriormente exposto".







Comentarios