O BNG califica de "cortina de fume do goberno de Lalín o debate sobre os festivos locais para non tratar temas importantes"
- ecosdacomarca
- 4 sept 2024
- 3 Min. de lectura
Tacha de "hipócritas ao PP" e defende que se fagan consultas "sobre os super salarios, o dispendio da gran Praza, a ambulancia medicalizada ou a enorme suba do IBI"
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín sinala que na derradeira Xunta de voceiros do Concello de Lalín, á que o BNG non asistiu como acto de protesta derivado de que dende o grupo nacionalista lalinense levan dende xullo solicitando unha reunión de portavoces para tratar o asunto da seguridade en Lalín sen ter resultados nun asunto de tanta importancia para os cidadáns, e evidenciando o que o BNG dicía de que non valen absolutamente para nada por non tratar temas de real relevancia para a cidadanía, tratouse a posibilidade de cambiar os festivos locais que barallan dende o goberno e Rafael Cuíña.

A posibilidade dunha consulta veciñal para barallar a posibilidade de cambiar os festivos
locais quedou enriba da mesa, algo que é un tema que se comenta de xeito rutineiro e
que, lonxe de sacarlle importancia, ten, segundo o portavoz do BNG, a que ten. “Resulta unha evidencia, que neste Goberno se lle dá importancia ao que se lle quere dar,
enmascarando con asuntos de pouco calado para a cidadanía, outros que si preocupan
na rúa como a suba histórica de impostos, a situación sanitaria, o derroche e débeda das
arcas municipais, o abandono do rural, etc".
Publicidade
"É unha evidencia que neste concello o goberno está interesado en coñecer o que opinan os veciños e veciñas sobre temas que non son de especial trascendencia, xa que",
segundo os nacionalistas, defensores de que se manteñan como están, "cambiar o festivo
do martes das festas das Dores, por o luns posterior á Feira do Cocido, a parte de non ter
ningunha explicación lóxica, ese luns", segundo o seu portavoz municipal, Paco Vilariño,
“non habería ningunha actividade organizada por parte do Concello e trataríase dun día
perdido, cando un día forte para a hostelería é precisamente o sábado previo á data da
festividade, ademais de que é unha tradición que, por exemplo, os veciños e veciñas do
rural se acheguen a comer á vila o martes das festas patronais, tendo que cambiar esa
rutina. Non menos importante é que moitas empresas teñen marcado no seu almanaque
xa estas datas para as vacacións, tendo que modificalas sen aparente xustificación, por
un asunto de polemizar cara a galería sobre algo que carece de maior importancia” aclara
cando lle preguntamos polo asunto, aseverando que votarán en contra.
Dende o BNG lémbranlle ao goberno, que "hai asuntos que si poderían levarse a consulta
veciñal, pero que a Crespo e aos seus compañeiros de partido non lles traerían máis ca desgustos. Tras non debater, por unha decisión totalmente política, a controversia da zona azul creada na recementemente reformada Rúa Areal, onde se superaron as 400 sinaturas de veciños e veciñas para o seu debate en pleno, que quedaron silenciados, tampouco se consultou aos lalinenses sobre que opinan da subida escandalosa do IBI, dos salarios que os membros do goberno perciben, xa de por si estratosféricos ou sobre asuntos coma a situación da sanidade da vila, cun CIS que acumula anos de atraso".
Publicidade
Dende o grupo nacionalista emprezan ao goberno, "que ve con bos ollos a democracia cando esta non vai mudar a súa posición política, a que fagan unha consulta pública
sobre todos estes temas que acabamos de nomear, ou incluso sobre un que sospeitan
non lles deixará bo sabor de boca coma é o da construción da Gran Praza, que leva xa
máis de 2 millóns de euros de inversión en dous inmobles para, simplemente, derruílos".
Piden os nacionalistas "seriedade cos problemas dos e das cidadás, ademais dunha
actitude propia dun goberno que ten serias eivas en moitos aspectos cruciais no seu
Concello e que é preciso que tome cartas en moitos asuntos que quedan relegados para
tratar temas de importancia limitada e que non afectan á vida dos veciños e das veciñas,
alomenos non na mesma medida que os nomeados polos membros do BNG". Remata
Vilariño asegurando que "se realmente pensaran en facelo botarían man do rodillo da súa maioría absoluta, sumando neste caso os votos de CXL, como xa nos teñen acostumados
neste mandato e no anterior".
Comments