top of page

O BNG arzúan propón un sistema automatizado para as instalacións deportivas que garanta o seu acceso

Mentres o goberno local defende a súa xestión nesta materia ante as críticas nacionalistas e culpa a este partido das deficiencias que estas presentan


Ecos da Comarca/Arzúa

O candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa, Xoán Xesús Carril, avanzou onte algunhas das propostas en materia deportiva que a organización nacionalista levará no seu programa ás vindeiras eleccións municipais de maio. Desde o BNG propoñen dotar ás instalacións deportivas municipais dun sistema automatizado que garanta o acceso público ás mesmas, “en condicións de igualdade e dando resposta á demanda que temos en Arzúa de uso destas infraestruturas” explicou Carril.

ree
Os concelleiros nacionalistas de Arzúa Xoán Xesús Carril Ramos e Lucía López Sobrado.

“Actualmente hai usuarias e usuarios de instalacións como as pistas de pádel ou os pavillóns que se están vendo obrigadas á desprazarse a concellos limítrofes para facer uso de instalacións deportivas coas que contamos en Arzúa por causa das trabas para o seu uso coas que se atopan no noso concello,” sinala o candidato nacionalista.


Desde o BNG subliñan que “urxe un cambio de goberno en Arzúa. Non pode ser que haxa infraestruturas infrautilizadas e descoidadas e que o Concello non teña un proxecto deportivo para Arzúa, como amosou ao longo de todos estes anos o goberno de José Luís García,” sinala Carril. “Queremos liderar este cambio, cun goberno do BNG en Arzúa co que apostaremos por unha política deportiva que priorice a democratización e o fomento do deporte para todas as idades e para todas as persoas, abrindo totalmente as portas das infraestruturas deportivas e fomentando por igual todos os deportes,” concluíu Carril.


Resposta do goberno

Ante estas declaracións, o goberno municipal de Alternativa por Arzúa e PSdG-PSOE saiu en defensa da xestión do seu goberno en materia deportiva ante as acusacións do voceiro do BNG, concelleiro de deportes no municipio na etapa de goberno nacionalista. "Resulta curioso que sexa Xoán Xesús Carril quen denuncie o estado e funcionamento das instalacións deportivas en Arzúa e se ofreza para liderar un cambio con novas propostas no ámbito deportivo. Curioso porque a construción, renovación e método de funcionamento da práctica totalidade das instalacións deportivas das que hoxe desfruta Arzúa se asentaron sendo Carril o concelleiro responsable en materia de deportes cando o BNG gobernaba en Arzúa".


"Foi unha pena que as deficiencias que hoxe sinala e que segundo el complican o uso das instalacións por parte dos veciños e veciñas non foran tidas en conta cando se construiron ou renovaron. Unha pena que todo o investimento destinado á construción das pistas de pádel non tivese en conta un sistema automatizado para o seu uso; unha pena que o enorme finanzamento que supuxeron as gradas do campo de fútbol non tivesen en conta que a auga cando chove entra polos seus laterais. Unha pena que Carril, sendo o responsable de deportes nese momento, esquecese eses pequenos detalles que a posteriori complican tremendamente o mantemento das instalacións e a súa renovación e actualización. Unha pena que Carril non soubese aproveitar a época de bonanza económica que lle tocou vivir na súa etapa de concelleiro de Deportes, contando ademais co goberno afín do Bipartito na Xunta de Galicia, para poñer remedio a todos os males que tanto critica".

ree
Preme na imaxe se queres contactar connosco!

E insiste o goberno local "lástima tamén que Xoán Xesús Carril non tivese en consideración o volume de utilización das infraestruturas deportivas do noso concello cando se reformou a Relación de Postos de Traballo para incrementar persoal en materia de limpeza e coidado das instalacións deportivas, porque cómpre non esquecer que na actualidade só hai un único coidador das instalacións deportivas que ademais das funcións propias do seu traballo se encarga da súa limpeza".


E sinala que o goberno municipal de A.A e PSdG-PSOE é coñecedor das necesidades que existen e dentro das posibilidades financieiras coas que se conta procura en todo momento ofrecer o mellor de cada servizo para beneficio dos veciños e veciñas; "mais non debemos esquecer que nos últimos tres anos houbo que facer fronte a unha pandemia e a un incremento brutal nos custes da enerxía, combustibles e material como consecuencia da guerra ucraína. Isto obrigou a replantexar a política de investimentos no ámbito municipal, sendo esta moito máis limitada. Ao igual que nos sucede coas nosas economías domésticas, agora non é momento de crear necesidades novas senón de intentar atender as que hai".


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page