top of page

O BNG aposta por crear a marca ‘Trasdeza Calidade’ para promover e identificar as producións locais

A candidata á Alcaldía, Erea Rey, traslada na Bandeira os principais puntos do seu programa económico coa recuperación dos mercados de proximidade e o impulso do comercio local


Ecos da Comarca/Silleda

A candidata á Alcaldía polo BNG en Silleda, Erea Rey, achegouse o domingo á feira do 14 na Bandeira para dar a coñecer parte do seu programa en materia económica. Precisamente a aposta por recuperar os mercados de proximidade e por protexer e promover as producións locais, son dúas das grandes liñas de actuación que contempla o

programa nacionalista nesta materia.


“Nun concello como o de Silleda, onde a tradición das feiras e dos mercados de

proximidade aínda permanece na memoria de varias xeracións, apostar pola economía circular, isto é, producir aquí e consumir os produtos de aquí, é tan básico como de sentido común”, asegurou Erea Rey no marco dun reparto informativo na feira da Bandeira.

A candidata do BNG indicou que “a sociedade actual demanda produtos máis sustentables, que respecten o medio ambiente, que se saiba onde e como son producidos, e que na medida do posible deixen retorno económico na propia poboación local”. Neste sentido, o programa que está dando a coñecer Erea Rey contempla a creación da marca “Trasdeza Calidade” para protexer, identificar e diferenciar as producións locais, de xeito que sexa un incentivo para que o sector agro-gandeiro ofreza novas oportunidades de

emprendemento, e tamén para que as e os consumidores poidan encher a súa cesta da compra con alimentos producidos no termo municipal.

No relativo ao comercio local, tamén inclúe propostas como o fomento de bonificacións municipais (taxas, axudas) nos locais comerciais e na redución dos custes dos alugueiros; o desenvolvemento de campañas de concienciación incentivando o consumo no pequeno comercio; e a recuperación das feiras tradicionais de Silleda (Reis, 6 e 23) e a potenciación da xa existente na Bandeira (14 e 29).

Outras medidas económicas

No eido empresarial, o BNG propón a creación de chan industrial a prezo accesible para o tecido empresarial da pequena empresa local; a reformulación do espazo modular municipal gratuíto en Área 33 destinada a autónomxs novxs; a potenciación de microcréditos a emprendedores novxs que xeren un verdadeiro valor engadido; o fomento dos intercambios e iniciativas empresariais coas entidades locais dos concellos irmandados con Silleda internacionalmente; e a preferencia nos concursos de obras e servizos á participación do empresariado local do sector ofertado.


O fomento da actividade turística tamén é un eido importante no programa nacionalista. Neste apartado, propón unha oferta de roteiros especializados para grupos: rutas arqueolóxicas, do románico, das fervenzas, dos muíños, e roteiros históricos ou literarios, con paquetes especializados que involucren a diversos sectores (empresas de transporte, guías, empresas de turismo activo, etc.); e que se complementen coa recuperación de muíños e pontes dos ríos do concello e coa rehabilitación do patrimonio industrial hidroeléctrico (Ponte, Grava, Pazos...). Tamén se inclúe a creación dun aparcadoiro de

autocaravanas con balsa de evacuación no recinto da Semana Verde; a posta en marcha dun obradoiro de artesanía na antiga casa sindical de Silleda e posta en marcha dunha escola-obradoiro para traballar na posta en valor do legado patrimonial; e a apertura do punto de atención turística para visitantes e peregrinos da Vía da Prata.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page