top of page

O BNG agoladés reclama reforzar os servizos sociais e mellorar o seguimento das persoas vulnerables

Entre as medidas que propón o Bloque destaca tamén a creación dun plan municipal contra a soidade non desexada


Ecos da Comarca/Agolada

O grupo municipal do BNG de Agolada vén de presentar unha moción para o seu debate no próximo pleno municipal na que reclama unha mellora do servizo de atención social, un maior seguimento das persoas vulnerables e o reforzo das políticas de inclusión no concello.

A iniciativa nace das preocupacións trasladadas pola veciñanza nos encontros desenvolvidos no marco da campaña “Parroquias con voz”, especialmente nas parroquias de Brocos e Sexto, onde se puxo de manifesto a sensación de falta de presenza e seguimento por parte dos servizos sociais municipais.


Desde o BNG sinalan que Agolada é un concello cunha poboación envellecida, dispersa e con necesidades específicas de atención, polo que consideran imprescindible avanzar cara a un modelo de servizos sociais “máis próximo, preventivo e presente no territorio”.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

A formación nacionalista alerta tamén do incremento das axudas de emerxencia social tramitadas nos últimos plenos municipais, o que consideran un síntoma dunha maior demanda de atención social e dunha crecente presión sobre os servizos municipais.


Na moción presentada, o BNG propón realizar unha avaliación da situación actual dos servizos sociais municipais, reforzar o seguimento das persoas en situación de vulnerabilidade mediante atención periódica e visitas domiciliarias programadas,

así como estudar a necesidade de ampliar recursos humanos e medios dispoñibles.


Entre as medidas incluídas destaca tamén a creación dun plan municipal contra a soidade non desexada, especialmente orientado ás persoas maiores, así como a posta en marcha de iniciativas de dinamización social nas parroquias, con especial atención ás mulleres do rural e á participación comunitaria.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

A moción inclúe ademais a mellora da coordinación cos servizos sanitarios e outras administracións, así como a petición á Xunta de Galicia de maior apoio económico e programático para os servizos sociais municipais.


Para o BNG, “o reforzo dos servizos sociais non é só unha cuestión de xestión, senón un compromiso co benestar da veciñanza e coa cohesión social do noso concello”. O grupo municipal considera fundamental que o Concello avance cara a políticas públicas máis humanas, próximas e capaces de responder ás necesidades reais da veciñanza, especialmente das persoas que se atopan en situación de maior vulnerabilidade.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page